DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sorte toca de esguello ao Blusens Universidade

Perdeu 76 a 31 contra o Queso Entrepinares, pero logrou un importante punto bonus ao anotar cinco en

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 03/12/2012
Visitaba ao Queso Entrepinares en Valladolid con moitas baixas e gañas de dar a sorpresa ante o segundo clasificado da táboa. E a sorte tocouno, pero de esguello. O Blusens Universidade de Vigo perdeu onte fronte ao equipo castelá por un avultado 76 a 31 no estadio Pepe Rojo, aínda que non volveu a casa coas mans valeiras: acadou un importante punto bonus ao conseguir cinco ensaios, todos a cargo dun pack de dianteiros composto por Vicente Prieto, Francisco Usero, Mariano Berlande e Carlos López Marqués.

Os vigueses só tiveron sete minutos de respiro. A partir de aí os pucelanos abriron o marcador un ensaio de Ignacio Molina no minuto 8 de partido, o primeiro dos sete que conseguiu anotar o Queso Entrepinares na primeira metade do encontro. O Blusens tivo que loitar con unllas e dentes e botar man das boas xogadas da dianteira para marcar dous ensaios antes de chegar ao descanso. Por iso, na segunda parte os vigueses aparcaron a idea de gañar a un Valladolid moi superior no campo para centrarse en buscar o punto bonus que lle dera un pouco de aire. E conseguírono.

Dirixidos por Lisandro Arbizu, os pucelanos dominaron a liña de tres cuartos, onde fixeron unha barreira para intentar dominar a unha dianteira viguesa moi compenetrada. Mentres, os de David Monreal buscaban crear perigo con Joaquín Maguna ao fronte da dianteira, con Alejandro Blanco e Paquito Usero rabuñando metros e con Uruburo e Javier Parga montando o ataque. O resultado: tres ensaios máis na segunda metade fronte aos seis do Queso Entrepinares que deixan a os vigueses na última posición da táboa con 8 puntos, un por detrás de La Vila.

Idas e vidas

Á baixa de Cameron Wyper, practicamente descartado para o vindeiro partido pola súa lesión nunha man, agora hai que sumar a de Campbell Johnstone, que viaxa a Gales para incorporarse aos Ospreys para xogar a Heineken Cup. Pola contra, o Blusens espera que antes do domingo Chris McLaren esté reincorporado e que o transfer neozelandés Ash Moeke forme parte xa da plantilla. A idea é que ambos estean operativos para o vindeiro partido, que xogará no campo de As Lagoas-Marcosende co equipo vallisoletano El Salvador Rugby.