DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi seleccionada pola editorial Red Herring entre o TOP 100 do continente

A spin-off Imatia, entre as empresas máis innovadoras de Europa

A compañía está especializada no desenvolvemento rápido de sistemas de información de alta calidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/05/2012
“Cremos que Imatia Innovation reflicte a visión, o empuxe e a innovación que definen un proxecto empresarial con éxito”. Con estas características a spin-off da Universidade convenceu do seu potencial á editorial Red Herring, que elixe cada ano o TOP 100 das empresas tecnolóxica europeas máis innovadoras, entre as que neste 2012 hai seis españolas, entre elas Imatia. Alex Vieux, responsable da rede, explica que a compañía galega, nada no seo da Universidade de Vigo, “debería estar orgullosa do seu logro, xa que este ano a competencia foi máis forte ca nunca”.

Dende 1996 Red Herring elabora anualmente unha lista de referencia mundial das empresas máis prometedoras, unha distinción ás iniciativas con máis carácter emprendedor e desenvolvemento futuro. Entre as seleccionadas das pasadas edicións atópanse algunhas das entidades tecnolóxicas máis importantes do planeta, como Facebook, Skype, YouTube ou eBay. Fernando Vázquez, director xeral da empresa galega, destaca que “foi unha grande oportunidade poder presentar Imatia nun foro coma este, supón unha importante oportunidade de retroalimentación, dar a coñecer os noso produtos e establecer alianzas”. En total, para a edición de 2012 presentáronse 2000 compañías, das que foron seleccionadas 200. Estas finalistas participaron nun encontro en Amsterdam a pasada semana do que saíron as elixidas que conforman o TOP 100 . Ademais, Imatia Innovation foi tamén seleccionada para participar durante este mes de maio nos Ángeles na fase final do TOP 100 de Estados Unidos. Vázquez explica que a pesar de tratarse da edición americana, “convidan a 15 empresas europeas a participar, entre eles nós, o que supón un gran paso para a internacionalización do noso mercado”.

De Amsterdam trouxeron xa varias alianzas tanto con outras empresas europeas como con entidades de capital risco, ademais dunha chea de experiencias, contactos e consellos. Dende a Red Herring animáronnos a seguir crecendo e expandíndose, porque como lles indicaron, “Imatia ten moito máis potencial aínda por espremer”, un recoñecemento ao traballo feito tamén folgos para seguir adiante. Con esta intención, Fernando Vázquez viaxará a Estados Unidos nas vindeiras semanas, “para seguir traballando no networking”, abrindo mercados e procurando parceiros entre as empresas con máis futuro de EEUU.

Unha lista convertida nunha referencia

A Red Herring selecciona avalía cada un dos 2000 candidatos segundo criterios cuantitativos y cualitativos, atendendo tanto aos resultados financeiros como á innovación tecnolóxica, a calidade da xestión, a estratexia ou a penetración no mercado. Esta avaliación do seu potencial vai acompañada dunha revisión da traxectoria da empresa e o seu posicionamento en relación a empresas competidoras, un exhaustivo traballo que lle permite a Red Herring ofrecer con esta lista un instrumento moi valioso para o descubrimento e promoción de novas compañías e modelos de negocio.

Xunto con Imatia, forman parte desta lista das 100 empresas máis innovadoras outras cinco entidades españolas. A barcelonesa Digital Legends, que crea videoxogos desde 2001; Zitralia, que desenvolve sistemas de seguridade avanzada; a web de venta on-line Privalia; a empresa zaragozana de nanotecnoloxía AlphaSIP e o provedor de solucións de software de telecomunicacións Almira Labs.

Un parceiro para a innovación

Fundada en 2005 como spin-off da Universidade de Vigo, Imatia dispón de dúas sedes, unha na Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, e outra na Coruña, cun total preto de 50 empregados. Deseña e comercializa tecnoloxía e software dirixidos á mellora da produtividade nas empresas e da eficiencia das administracións públicas e conta cun amplo equipo de enxeñeiros de software especializados no desenvolvemento áxil de aplicacións arredor do Grupo de Investigación e Desenvolvemento en Tecnoloxías da Información. Imatia traballa man a man con consultoras de tecnoloxías da información, integradores e empresas de software, así como tamén cos departamentos de tecnoloxía da información de grandes empresas ampliando a gama de produtos e servizos que estas empresas poden ofrecer aos seus clientes. Este premio internacional únese aos xa recibidos no territorio nacional como o Emprendedor XXI, que lle foi concedido en 2009.