DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abriron o ciclo Sonora08 V2

The Strugglers presentaron no campus o seu último disco

A música independente volverá o próximo mércores con máis concertos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 05/11/2008

Os afeccionados á música alternativa tiveron este mércores unha cita no Teatro Vidal Bolaño, onde puideron escoitar o novo disco de The Strugglers, The Latest Rights, nun concerto que abriu o ciclo Sonora08 V2, que traerá ao campus unha mostra da música que se está a escoitar nos escenarios máis independentes.
Cun público máis ca motivado o cuarteto norteamericano, que chegou a Vigo tras pasar por Xixón e Madrid, entusiasmou aos asistentes con cancións nas que mesturou country, folk e pop, acadando por riba de todo sentimento e nostalxia.
Capitaneado por Randy Bickford, Jim Bob Aiken tocou a batería; Daniel Hart, o violín; Alex Lazara, os teclados e Eric Haugen, a guitarra. Xuntos transmitiron un estilo impecable que agora levarán por outra media ducia de cidades españolas, Oporto e Burdeos.

Unha homenaxe a Neil Young

Tras o concerto de The Strugglers proxectouse o documental de Jonathan Demme Neil Young: Heart of gold un retrato musical íntimo deste lexendario cantautor, filmado con ocasión da estrea mundial en concerto do disco Prairie wind no célebre Ryman Auditorium de Nashville.
A música brindou unha perspectiva rica e emotiva da relación de Young coa familia e os amigos, coa mortalidade e co paso do tempo. Acompañárono na escena moitos vellos cómplices musicais, entre eles, a estrela do country Emmylou Harris, a súa dona Pegi Young e o guitarrista Ben Keith.

O próximo mércores, máis música

O ciclo Sonora08 V2 continuará o vindeiro mércores con concertos dos grupso Mishima e Manos de topo.
Co seu excelente novo traballo, Set Tota la Vida, Mishima recolle o apoio da crítica e do público como unha das mellores bandas da escena independiente. Neste disco asume novos riscos nos arranxos e na produción e inspírase máis na falla de artificios da música de raíz americana que na sofisticación do pop británico.
Manos de Topo é un grupo pop sen igual, pois as súas actuacións convértense en recitais traxicomédicos onde a brillantez compositiva dase a man cun bizarrismo escénico e unha lírica concisa: o desamor.