DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula estará aberto ata o 11 de xuño

Na súa quinta edición o curso Xestión das explotacións acuícolas consolídase no verán universitario

Impartirase na ECIMAT entre os días 21 e 27

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 07/06/2012
“Conseguimos cubrir un baleiro temático do sector acuícola xa que este foi moi estudado dende un prisma biolóxico, técnico e médico-veterinario, pero apenas fora analizado dende a óptica da rendibilidade, crecemento e expansión económica”. Con estas palabras explica Carlos Ferro, director do curso de verán Xestión das explotacións acuícolas, o éxito da iniciativa que, neste ano, alcanza a súa quinta edición. O curso, organizado dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, conta cun programa de carácter teórico e práctico, incluíndo visitas a centros especializados e unha ruta en barco pola ría de Arousa para coñecer a explotación dos recursos mariños preto da costa.

Cun número de prazas limitado a 35 xa que “é o número requirido para realizar as visitas e a ruta en barco”, o curso ten por obxecto facer partícipe a toda a sociedade dos novos elementos culturais e científicos procedentes da investigación realizada na Universidade. A idea inicial, hai xa cinco edicións, foi “presentar os resultados dunha investigación financiada pola Xunta de Galicia e realizada polo grupo de Investigacións Económicas en Acuicultura, Invacui”, indica Ferro. A pesar de que o curso está dirixido á sociedade en xeral , “son os especialistas do sector e os estudantes de titulacións afíns coma Ciencias do Mar, Bioloxía, Economía ou de diferentes enxeñarías os que maior interese mostran, xa que existe unha falta de formación en materia económico-empresarial por parte dos titulados e profesionais en activo que operan no sector”, puntualiza o director do curso.

Un programa variado

Como nas edicións anteriores, o programa axusta a súa temática á realidade do sector e ás demandas de formación existente, centrándose en dar a coñecer as amezas, oportunidades, fortalezas e debilidades que a contorna depara para a actividade acuícola; tomar conciencia da magnitude da ameaza dos parasitos no sector; definir as estratexias de marketing para a creación de valor nos produtos ou coñecer o proceso de cultivo e posterior avaliación da calidade entre outros, da man de docentes e expertos no sector. Ademais das sesións teóricas e prácticas, os participantes visitarán as instalacións do Clúster de Acuicultura de Galicia, e clausurarán o curso “nunha xornada especial, na que visitaremos o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, e realizaremos un percorrido en barco pola ría de Arousa para poder así observar de preto as faenas nas bateas”, conclúe Ferro.

Prazos e prezos

O prazo de matrícula para o curso estará aberto ata o vindeiro 11 de xuño, cun custo de 55€ por persoa. As actividades realizaranse no salón de actos de ECIMAT, Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, entre os días 21 e 27 de xuño e, os participantes que asistan de forma continuada obterán dous créditos de libre elección ou un crédito ETCS.