DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense e a UNED renden homenaxe á Constitución de 1812

De súbditos a cidadáns grazas á 'Pepa'

A primeira carta magna española cumpriu este ano o seu bicentenario

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/11/2012

A primeira carta carta magna española, a Constitución de 1812, coñecida tamén popularmente como A Pepa, cumpriu este ano dous séculos. Co gallo deste aniversario, ao longo da xeografía estatal sucedéronse durante 2012 numerosas homenaxes nas que se lembrou e se celebrou que con este documento naceron as liberdades en España, aparecendo por primeira vez os conceptos de cidadán e de dereitos civís. Polo decisivo papel que xogou na historia estatal e porque foi un modelo que inspirou constitucións españolas posteriores e incluso doutros países, o campus de Ourense e a UNED non quixeron deixar pasar a oportunidade de unirse a esta recoñecemento e este luns celebraron unha xornada conmemorativa dedicada a esta carta magna e ao momento histórico no que se produciu.

Como docente da Facultade de Historia do campus e como director da UNED en Ourense, Jesús de Juana quixo salientar durante a homenaxe que “a Constitución de 1812 é un fito na historia de España e polo tanto así se debe recoñecer”. As Cortes de Cádiz e a redacción e aprobación da carta magna española, explicou durante a inauguración, “marcan o nacemento da contemporaneidade”. Foi, engadiu María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, "unha constitución adiantada ao seu tempo e como moitas veces acontece nestes casos, esta condición reportoulle logo numerosas dificultades”. Alén do valor histórico desta celebración, a lembranza deste documento, subliñou a vicerreitora ourensá, “debe ser un aliciente para seguir construíndo unha sociedade de dereitos e de cidadáns”.

Comprender os feitos no seu contexto

Neste senso, Josefina Martínez, directora da xornada e docente da Facultade de Xeografía e Historia da UNED, destacou durante a homenaxe e de xeito metafórico que á Constitución de 1812 se lle debe “deixar de ser escravos e servos e pasar a ser cidadáns”. Sobre esta muda, o catedrático de Historia Moderna Luis Antonio Ribot, apuntou que o que exactamente se produciu coa creación da carta magna de Cádiz foi unha evolución de súbditos do Antigo Réxime a cidadáns. O historiador foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural e de introducir aos asistentes á xornada no contexto que deu lugar ao nacemento do documento.

“O Antigo Réxime era un mundo diferente que non podemos analizar desde os supostos do mundo actual, para entendelo hai que facelo cos supostos da súa propia época”, apuntou Ribot. Deste xeito explicou que a palabra constitución non nace en 1812 porque anteriormente xa había documentos que levaban ese nome aínda que cun significado diferente ao que actualmente se lle dá. “Esas constitucións recollían normas principais dun territorio soberano, normas básicas que inspiraban ás demais pero que non eran o resultado dunha vontade nacional senón dun acordo ou concesión dun monarca, por exemplo”, explicou o catedrático. A palabra e o concepto de constitución foi evolucionando ata que callou no documento promulgado polas Cortes Xerais reunidas en Cádiz en 1812. “Nela, a nación é a que pasa a organizar o xogo, adóptanse as normas fundamentais que rexerán a convivencia no futuro”, apuntou o docente no seu percorrido pola historia desa época.

Ademais da intervención de Ribot, a xornada conmemorativa tamén conta no seu programa coa participación de destacados historiadores e expertos en temas relacionados coa Pepa e o seu contexto histórico, como son Andrés Casinello, tenente xeneral que falou sobre o Marqués da Romana; Roberto Blanco Valdés, que analizou a revolución militar gaditana; Xosé Ramón Barreiro, encargado de falar sobre a recepción da constitución en Galicia, e María Jesús Baz, experta na participación das mulleres na liberación de Galicia en 1809. Tras esta xornada conmemorativa, o campus de Ourense acollerá este martes e mércores un curso organizado pola UNED baixo o título A Constitución de 1812: guerra e revolución.