DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes sénior analizan os motivos polos que esta xeración volve ás aulas

Sumar anos á vida e vida aos anos

Mellorar a cultura e a calidade de vida, sentirse activos e coñecer xente son as principais motivaci

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/09/2013
Volver ás aulas despois dos 55 para mellorar a calidade de vida, coñecer xente, sentirse activos e enriquecerse culturalmente. Estes son os principais motivos que levan aos estudantes sénior da Universidade de Vigo a retomar os estudos pasada a madurez e así se recolle nunha enquisa que os propios estudantes das Aulas de Formación Aberta desenvolveron ao longo do curso pasado entre os alumnos e alumas dos diferentes cursos do Programa para Maiores. Un equipo de 12 persoas coordinado polo profesor de Socioloxía Benxamín Porto realizou os cuestionarios coñecer “quen somos e cantos somos”. Os resultados non distan dos obtidos noutras universidades europeas e estadounidenses e sinalan que a principal motivación é o envellecemento activo, aprender por aprender e manterse activos tanto social como intelectualmente. No informe que recolle os resultados do estudo destacan que, nun país como España con máis poboación maior que moza, o intercambio interxeracional “é unha fonte de coñecemento e experiencia que contribúe a mellorar a sociedade”. E é que nas aulas universitarias estes estudantes sénior non só aprender e melloran os seus coñecementos, senón que poñen en valor a súa experiencia vital e tratan de fomentar a relación cos máis mozos “transmitindo nas dúas direccións os coñecementos de ambos colectivos na procura dunha sociedade máis equilibrada e xusta, onde cada individuo, de calquera idade e condición, se sinta partícipe das melloras e avances do colectivo”.

Idades comprendidas entre os 50 e os 90 anos

O traballo permitiu ademais realizar un perfil do alumnado, que comprende idades entre os 50 e os 90 anos. No pasado curso estaban matriculados 103 homes e 137 mulleres nos diferentes niveis do Programa para Maiores. Segundo as enquisas, o rango de idade máis numeroso é o de 60 a 64 anos (37,2% dos enquisados) mentres que por riba dos 69 redúcese substancialmente. A presenza por idade relaciónase directamente tamén coa situación laboral dos estudantes, xa que o 54% están xubilados, o 20% prexubilados e un 12% en paro. No tocante á súa orixe profesional, o 76% procede do sector privado e 24% do público e, atendendo aos eidos laborais, os datos amosan un reflexo da contorna económica de Vigo, cun 63% do estudantado procedente da industria, comercio, oficinas, despachos e banca. O sector primario representa tan só un 5%.

Tamén é salientable o alto nivel de estudos previo dos matriculados, cun 38% que xa pasaran anteriormente polas aulas universitarias, mentres que un 30% teñen bacharelato e un 20% FP. Os autores do estudo destacan que estas cifras contrastan co nivel baixo de escolarización medios dos maiores de 65 anos en España, onde o 85% ten estudos primarios ou ningún estudo, grupo que no Programa para Maiores representa só o 12%.

As suxestións dos estudantes

A enquisa tamén supuxo un foro onde expresar as suxestións respecto ao programa. A principal demanda dos estudantes é que se poida cursar o ciclo de especialización tamén no centro da cidade, xa que o desprazamento ao campus universitario lles supón inconvenientes no referido a transporte e horarios. Ata agora, os tres primeiros anos impártense na EUE Empresariais en Torrecedeira, mentres que o ciclo de especialización posterior de dous anos, se imparte no campus, compartindo aula co estudantado de formación regrada dos diferentes graos. Por outra banda, demandan tamén unha maior difusión e apoio institucional a este programa para que este se dea a coñecer por exemplo en centros de maiores, así como ampliar a oferta de clases de inglés.

Os maiores do futuro

O aumento da esperanza e da calidade de vida fai que os maiores cada vez ocupen un maior peso na sociedade e o concepto de ‘terceira idade’ segue a mudar cara unha idade activa moi afastada da idea de retiro, pasividade e declive intelectual. Con tempo, saúde e inquedanzas, as persoas maiores foron demandando máis actividade de ocio, culturais e formativas coas que encher o seu tempo de lecer e as universidades responderon poñendo en marcha os programas para maiores, que en Vigo botou a andar en 2002.

O concepto de envellecemento activo cobra forza tratando de derribar barreiras xeracionais e apostando por unha formación que, nalgúns casos, é unha continuación e noutros un novo comezo. Para os primeiros o cambio é considerable xa que, como recolle o informe, atopan unha universidade cambiada, en liberdade, espontaneidade das relacións entre estudantes e docentes, e en medios técnicos dispoñibles. Pero lembran que “a sociedade aínda non está madura para comprender ás persoas maiores como un proxecto de futuro; hai que pasar do concepto de vellez como etapa definitiva a un novo modelo de vellez activa, e iso é o que achega á sociedade o Programa para Maiores da Universidade de Vigo”, conclúen.