DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un taller organizado polo Gabinete Psicopedagóxico

“Superar o curso con éxito” proporcionaralle aos alumnos estratexias para incrementar o seu rendemento académico

Do 3 ao 5 de decembro na sala IV do Edificio Miralles

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 02/12/2008
Queres saber como oraganizar o teu traballo académico? Tes problemas de atención e concentración? Queres coñecer mecánicas de estudo? As respostas a todas estas preguntas, e máis, atoparalas no taller Como superar o curso con éxito, un obradoiro organizado polo Gabinete Psicopedagóxico, dependente da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, que se celebrará do 3 ao 5 de decembro na sala IV do Edificio Miralles.
Os obxectivos céntranse en ter coñecemento da propia aprendizaxe, aumentar o rendemento académico e aprender as estratexias adecuadas para afrontar o curso. “A detección dunha alta demanda solicitando axuda con problemas de técnicas de estudo, foi o porqué da posta en marcha deste proxecto”, explica Eva Souto responsable do gabinete que indica que “a finalidade deste taller é amosar as ferramentas máis útiles para tratar de incrementar o rendemento do estudantado”. O mércores e xoves as sesións serán de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas; o venres só se impartirá en horario de mañá.
Os tres retos formulados na organización deste obradoiro levaranse a cabo coa exposición de contidos, por parte de Eva Souto e a pedagoga Cristina Miniño, dividos en tres bloques temáticos. No primeiro deles, baixo o nome de Coñécete, “presentaranse diferentes estilos de aprendizaxe, os factores que inflúen nesta e as maneiras de acadar unha motivación e concentración óptimas”, sinala Souto. En Planificación e organización analizarase a distribución do tempo, “tentando que os participantes valoren o seu tempo de dedicación ás diferentes materias e outros temas de estudo, e a súa compaxinación con actividades de ocio e lecer”, explica a responsable do gabinete. En relación coas técnicas de estudo, “amosaranse mañas para a comprensión lectora, o subliñado, esquema, resumo e repaso”.
Ademais, tamén se darán a coñecer estratexias para afrontar os exames, “cuestións como qué facer o día antes, na propia xornada, xusto no momento de facelo e logo de saír”, remarca Souto.

Información e matrícula

Para poder participar neste obradoiro só é preciso pertencer ao alumnado da Universidade e aboar a cantidade de 4,5 euros ou 3 euros no caso dos estudantes bolseiros. Aqueles interesados aínda están a tempo, o prazo de inscrición remata este martes día 2.
Para formalizar a matrícula débese ingresar a cantidade correspondente en calquera sucursal de Caixanova indicando o código e título do taller, encher a ficha de inscrición facilitada nos puntos de información e matrícula ou ben no enderezo web http://extension.uvigo.es/contidos/gabinete_psicopedagoxico e entregar o resgardo do ingreso bancario, a ficha de inscrición cuberta e un documento que xustifique a vinculación coa Universidade, e ser bolseiro de darse o caso, en calquera rexistro dos tres campus ou en Extensión Cultural no Edificio Miralles.

O labor do gabinete

O Gabinete Psicopedaxógico é un servizo destinado a atender os problemas académicos e persoais dos alumnos que o soliciten. Os seus obxectivos son o asesoramento aos estudantes na planificación e desenvolvemento da súa traxectoria académica e profesional; a adecuación e optimización das decisións académicas, maximizando a variedade das posibilidades das saídas profesionais; o incremento dos niveis de autoestima e de motivación; a mellora nos hábitos de estudo, na organización dos traballos e na aprendizaxe de distintas técnicas para acadar un maior éxito ao longo da carreira e a axuda en problemas familiares, de parella ou amizade, así como coas dúbidas sobre temas sexuais.
Para a posta en marcha de todos estes servizos, o Gabinete Psicopedagóxico ten a disposición de todo aquel que o solicite técnicas de estudo e traballo intelectual, presentación de traballos académicos, orientación vocacional a través de distintos test psicopedagóxicos, asesoramento no caso de que se teñan dúbidas sobre a titulación a cursar e consellos fronte a determinados problemas psicolóxicos como o estrés ante os exames, a falta de concentración, planificación e motivación ou o medo a falar en público.
O servizo do gabinete, totalmente gratuito e confidencial, está presente nos tres campus. Pódese concertar cita a través dos teléfonos 986 813 630 e 986 818 632 ou ben enviando un e-mail coa dúbida ou problema a consultar ao enderezo de correo electrónico gabinetepsicopedagoxico@uvigo.es.
Máis información