DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo de xadrez derrota ao líder da categoría

Suspense ata o último segundo

O equipo vigués está a medio punto da gañar o campionato, pero co Marcote soprándolle na caluga

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 14/03/2011
Sabor agridoce. Iso foi o que deixou entre os xogadores do Universidade de Vigo de xadrez a vitoria esta fin de semana ante o líder da categoría, o Círculo Ferrolano ‘A’. Un inesperado erro do Mestre Internacional Roberto Paramos cando estaba nunha posición de clara vantaxe truncou os plans do equipo vigués, coa mente posta en acadar o liderado. “Fomos bastante superiores, gañando as partidas pola vía rápida e sen darlles opción ningunha, pero Roberto tivo mala sorte”, lamenta Pablo García, capitán do conxunto vigués. O resultado: tres vitorias e tres táboas “cando podía haber moita loita” que deixan ao Universidade de Vigo a medio punto de tomar as rendas da Liga Galega.

A consecuencia é un treito final de liga moi emocionante, cos tres primeiros equipos da táboa pelexando nunha pequena marxe, xa que o Marcote axexa ao equipo vigués, co que está empatado a 35.5 puntos. A gran vantaxe do Universidade de Vigo é ser o único conxunto que permanece invicto a dúas xornadas do remate da tempada, “algo moi importante de cara aos play off, porque en caso de empate nos beneficia”, explica García. Por iso, e por cuestión de calendarios, o capitán non pensa quitarlle o ollo de enriba ao Marcote. “É o que máis nos preocupa, xa que o líder ten encontros máis complicados, pero eles teñen un calendario parecido ao noso. O que menos pinche levarase o gato a auga”, recorda o capitán.

Nos últimos encontros o equipo contará coa participación de Miguel Senlle, que está a facer unha tempada “sorprendente” pola súa constancia e resultados. Na outra cara da moeda, Samuel Villar, que vén de perder a coroa galega Sub 18 tras unha prematura derrota que o levou ata o quinto posto a pesar de partir como claro favorito. “Está algo baixo de moral, pero ten que entender que volver xogar cos rapaces custa cando subiches de categoría, porque aínda que tes un nivel superior estás acostumado a xogar con mestres e os pequenos poden facer xogadas que nunca esperarías. É algo que nos pasou a todos”, comenta Pablo García.

Campionato Universitario en Santiago

Para ir quentando motores, o Universidade de Vigo participa este mércores no Campionato Galego Universitario de Xadrez, que se celebra en Santiago de Compostela e ao que o equipo vigués aportará case a metade dos participantes: 29 en categoría Promoción e nove na Absoluta. De novo os de Pablo García parten como favoritos, a pesar da baixa de Manuel Pena, en Polonia, e as “expectativas son boas”. Desta competición sairán os nomes dos xogadores chamados a participar no Universitario de xadrez de España.