DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sustentabilidade e enerxía centran un novo ciclo de conferencias do grupo Rede

Comeza este luns co relatorio de Rosa García, do grupo Alcoa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 12/11/2010
Rosa García, directora de sustentabilidade para Europa de Alcoa será a encargada de inaugurar o luns 15 de novembro o ciclo de conferencias que o Grupo Rede organiza co apoio de Economics for Energy e da Fundación Pedro Barrié de la Maza, socio fundador do centro de investigación. Ao longo da súa exposición, que terá lugar na sede da Fundación Barrié de la Maza en Vigo (Policarpo Sanz, 31), a experta, egresada da Universidade, tratará “un tema tan importante como é a influencia que as grandes regulacións ambientais teñen nas empresas”, explica o profesor Xabier Labandeira, organizador das xornadas.

Inseridos no máster en Xestión do Desenvolvemento Sustensable, os relatorios, que constitúen unha actividade complementaria para o alumnado, teñen como principal obxectivo “traer poñentes de primeiro nivel, tanto do eido empresarial como académico e regulatorio para falar de todos os temas que xiran arredor da sustentabilidade e da enerxía”, segundo palabras de Labandeira. No tocante ao público ao que van dirixidos, o profesor explica que o que pretenden é abarcar unha audiencia mixta, formada tanto por membros da comunidade universitaria como por directivos de empresas e xestores dos medios de comunicación.

Para mediados de decembro está prevista a segunda conferencia deste ciclo que tén como escenario a sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza. O protagonista será Anil Markandya, un economista ambiental especializado no cambio climático, considerado como “autoridade a nivel internacional”, segundo palabras de Labandeira.

Alcoa únese a Economics for Energy

A visita á Universidade de Rosa García sirve tamén para anunciar a entrada de Alcoa, multinacional dedicada á produción de alumninio con fábricas en toda Europa, como socia de Economics for Energy. Este centro de investigación privado, dirixido polo propio Labandeira, ten como principal obxectivo a transferencia á sociedade de coñecementos sobre sustentabilidade e enerxía e por este motivo está participado tanto por empresas como por fundacións, administracións públicas e universidades e empresas recoñecidas a nivel internacional. Economics for Energy pretende converterse nun referente en España a través dunha investigación rigurosa e independente transmitida de forma clara para influir nas decisións estratéxicas de axentes públicos e privados.