DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ODS foron un dos eixos da IV Xornada sobre bo uso e mal uso do mar

A sustentabilidade e a igualdade precisan dunha abordaxe transversal da Axenda 2030

A través de dous paneis, abordouse a creación de recursos didácticos sobre estas temáticas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/11/2020

Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans era o título da sexta edición da Xornada sobre bo uso e mal uso do mar que, dada a situación sanitaria, este martes levouse a cabo de xeito virtual a través de Campus Remoto. Organizada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e o Campus do Mar, este foro pon cada ano o foco na importancia da sustentabilidade dos océanos, “que son máis do 70% do planeta e que están tan esquecidos”, como salientou a súa coordinadora, a profesora María Álvarez Lires. Faino ademais desde unha perspectiva de xénero, dando visibilidade ás achegas das mulleres á sustentabilidade do mar; dous eixos que nesta edición, retransmitida por UVigo TV, se puxeron en relación coa Axenda 2030, aprobada en 2015 pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). “A Axenda 2030 permite interpretar a realidade desde unha dimensión económica, social e ambiental”, salientaron ao respecto as conferenciantes Patricia Ponce e Amaia Iguaran, responsables do observatorio feminista Batera 2030, que incidiron na súa intervención na importancia de “ver os efectos do cambio climático de forma global”, o que fai preciso “falar de feminismo”, facendo da igualdade un elemento “transversal a todos os obxectivos". 

Ponce e Iguaran presentaron neste foro virtual a Maleta feminista ODS elaborada por Batera 2030, Observatorio feminista da Axenda 2030 de Euskadi, unha unidade didáctica dirixida a abordar estes obxectivos desde unha perspectiva de xénero. Un propósito que comparte a Maleta dos océanos, desenvolvida baixo a coordinación de Álvarez Lires por investigadoras de Ciencias da Educación e do Deporte, eixo do segundo panel dunha xornada que inauguraron o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a vogal da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega María Xosé Porteiro e a coordinadora da Sección Ciencia Tecnoloxía, Natureza e Sociedade deste organismo, Elena Vázquez Cendón.

Como unha xornada que permitirá afondar nos ODS “e a súa relación coas mulleres e o mar”, presentou Soto esta “iniciativa tan acaída”, froito da “colaboración entre diferentes institucións”. Nese mesmo senso, Silva salientou “o compromiso das mulleres co futuro do planeta, que pasa pola sustentabilidade dos océanos”, un aspecto respecto do que “hoxe máis que nunca” é necesario reflexionar, “cando afrontamos unha pandemia global que ten moito que ver coa perda de biodiversidade”. Na importancia da “transversalidade de todas as accións que teñen que ver con calquera ámbito de coñecemento” puxo o acento María Xosé Porteiro, ao que Vázquez Cendón engadiu a necesidade de “compartir dese a igualdade e sumando saberes”. 

A maleta feminista

Subscrita por 193 estados, a Axenda 2030 “ten o propósito de pór a igualdade e a dignidade das persoas no centro do desenvolvemento", salientou Patricia Ponce, responsable da ONG Haurralde Fundazioa, no primeiro panel da xornada. Ponce e Iguaran presentaron os contidos da maleta feminista para traballar os ODS, unha ferramenta didáctica que crearon en 2019, “desde unha mirada que considerabamos esencial”. Nese senso, Ponce puxo o acento en que a pesares de que a Axenda 2030 “deunos a oportunidade de mirar dunha forma global”, este acordo “non fai unha aposta concreta e real polos dereitos humanos en si e polos dereitos humanos das mulleres”, xa que, ao seu xuízo, máis aló do ODS número 5, “a igualdade debería ser transversal a todos os obxectivos”. 

Co propósito de achegar esa “mirada transversal”, as responsables de Batera 2030 desenvolveron unha ferramenta didáctica, na que os diferentes módulos, centrados en coidados e igualdade, soberanía alimentaria e accesibilidade e interculturalidade nas grandes urbes, “van poñendo en relación diferentes obxectivos”. O seu propósito, sinalou, é ofrecer “unha mirada sobre os ODS que sexa global”, pero que ao mesmo tempo propoña tamén “unha mirada interna, cara os nosos barrios e cidades”, co propósito de “captar a atención” da xente nova, achegando as diferentes problemáticas “á súa realidade cotiá”. 

A maleta dos océanos

No segundo panel, as investigadoras María Lorenzo e Tamara Amorín encargáronse de presentar a Maleta dos océanos, que reúne unha serie de materiais educativos estruturados en seis unidades, Planeta azul, Océanos en perigo, Mulleres redeiras, da salga e da conserva, O marisqueo a pé, Investigadoras mariñas e Educación para a sustentabilidade. Nunha primeira fase, "vanse realizar 500 para enviar aos centros”, explicou Lires deste proxecto levado a cabo, coa colaboración da Deputación, co propósito “de que contribúa á educación para a sustentabilidade e a introdución da perspectiva feminista dunha maneira natural”. Con propostas didácticas “que se poden adaptar aos diferentes cursos”, como engadiu Lorenzo, esta maleta busca dar resposta a dúas problemáticas que se atoparon na investigación previa, “a invisibilidade do mar e a invisibilidade das mulleres”. 

De feito, a Maleta dos océanos dá continuidade, explicaron, a dous proxectos previos, Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar e O mar das mulleres. Sustentable e produtivo, dos que Amorín fixo balance, poñendo o foco en iniciativas como, no primeiro caso, a exposición fotográfica que percorreu máis dunha decena de institucións e centros de ensino, ou, no segundo, os recursos educativos que agora se trasladan a esta maleta.