DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Rede REAL analiza nunha xornada a xestión e a comunicación neste eido na industria agroalimentaria

Sustentabilidade, un reto ambiental pero tamén económico e social

Salientan que o futuro pasa por crear un sistema capaz de manterse por si mesmo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/06/2011
“Sustentable. Dito dun proceso: que se pode manter por si mesmo, como o fai, por exemplo, un desenvolvemento económico sen axuda exterior nin mingua dos recursos existentes”. Esta é a definición da Real Academia Española da palabra de moda en xestión. Tradicionalmente vinculada á ecoloxía, a súa reivindicación pasa agora tamén ao eido económico e ao social. Para afondar na xestión e comunicación da sustentabilidade, a Rede REAL, a través do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense CITI, organizou este martes e mércores un curso no que se fixo fincapé na súa aplicación no sector agroalimentario.

María Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, e Jesús Méndez, director de Nutrición de I+D de COREN e representante do Clúster Alimentario de Galicia, foron os encargados de inaugurar as xornadas tituladas Xestión e comunicación da sustentabilidade na industria agroalimentaria. Tal e como salientou a vicerreitora, a iniciativa enmárcase dentro das accións de divulgación da Rede REAL, Rede de Innovación Alimentaria Norte de Portugal-Galicia, que ten por obxectivo o desenvolvemento sustentable, modernización, competitividade e internacionalización do sector agroalimentario desta zona a través da investigación e a innovación.

“Os recursos son limitados e a sociedade ten que mentalizarse da importancia da sustentabilidade para o desenvolvemento”, salientaba María Victoria Jato na súa intervención. Incidindo neste aspecto, Jesús Méndez destacaba que “o futuro para por apostar de verdade pola sustentabilidade, tanto desde o punto de vista económico como ambiental”.

Certificación

Para ofrecer unha perspectiva teórica da xestión e comunicación deste factor, a xornada contou coa participación dos profesores Ticiano Costa e Wilson Jordao. Ademais e para pechar as sesións, este mércores celebrouse unha mesa que contou coa presenza de Jacobo García, director da Área BIC de Galicia, e Raúl González, responsable do Departamento de Medio Ambiente e Calidade da Cámara de Comercio e Industria de Ourense.

Durante a súa intervención, Jacobo García expuxo como a certificación da responsabilidade social e a sustentabilidade dunha empresa está empezando a ser valorada no mercado e como a sustentabilidade está sendo elemento inspirador da innovación en produtos e servizos. Para amosalo, expuxo varios casos de éxito no sector agroalimentario neste eido,como é Mercadona e Eroski.

Máis divulgación

Ademais desta xornada, a Rede REAL continúa coas súas actividades divulgativas coa celebración este xoves da xornada Novas perspectivas do emprego de compostos bioactivos no sector alimentario. O seu obxectivo é presentar diversas tecnoloxías emerxentes para a obtención de compoñentes de orixe natural con actividade biolóxica. Entre outras cuestión os asistentes afondarán nos novos envases activos para novos produtos e nos antioxidantes en suplementos dietéticos e alimentos funcionais.