DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da Universidad de Trieste, Fulvio Longato, ofreceu o último relatorio

O Symposium de Poio pon o punto e final á súa décima edición cunha reflexión sobre as competencias culturais e sociais

Presentáronse máis de 120 comunicacións ao longo de tres días

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 01/07/2009

A perspectiva italiana do proceso de Boloña e a aproximación á rede de competencias culturais EUniCult que ofreceu o catedrático de Filosofía da Universidad de Trieste, Fulvio Longato, pechou este mércores o X Symposium Internacional de Poio, no que teñen participado máis de 300 expertos. Deste xeito, pónselle punto e final a unha cita que xa é un referente na reflexión do practicum porque desde 1987 vén construíndo un discurso multidimensional desta ferramenta de formación.
Longato, que foi presentado polo presidente do comité de Poio’09 e alma mater destes encontros, Miguel Zabalza, abordou na primeira parte da súa intervención a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Sen confrontar os perigos de mercantilización da Universidade e da falta de financiación do proceso que centran as críticas contra Boloña, o profesor sinalou que esta situación trouxo dous aspectos positivos: “a aceleración dunha reflexión no interior da Universidade sobre a finalidade e funcións da educación superior” e unha chamada “a saír das autorreferencias”. Pola contra, Longato denunciou “a alta burocratización do proceso”, que en non poucas ocasións chega a converterse na principal preocupación, “co perigo de perder de vista o verdadeiro sentido de Boloña”. Ao mesmo tempo, sinalou que das dúas dimensións que o Tratado de Maastrich lle outorga á Universidade, a de contribuír ao desenvolvemento económico e a da construción dunha dimensión cultural europea, só a primeira consta con ferramentas específicas para a súa promoción.

A rede EUniCult

Precisamente para promover no contexto universitario o fomento das competencias culturais e sociais “como parte integrante da formación do cidadán-estudante europeo”, Longato deu a coñecer a creación da rede EUniCult. Esta rede, que actualmente está integrada por catorce universidades europeas entre as que se atopan a de Trieste, Urbino, Verona, Lisboa, Berlín ou a Autónoma de Madrid, fomenta o intercambio de proxectos curriculares e traballa na definición das competencias culturais e sociais que pretende promover. “O que xa temos claro é que a noción de cultura ten que estar mediada pola diversidade e a relación complementaria entre ciencias naturais e humanísticas”, sinalou. Todo porque, segundo indicou, “tanto as competencias culturais como as propias da formación deben estar reflectidas no practicum”.
Longato tamén considerou que a responsabilidade social é unha vía “para a administrar o cambio e conciliar o desenvolvemento social co aumento da competitividade” e neste marco, pode actuar como o vínculo entre empresas e universidades na posta en marcha de bos practicum.

Traballo conxunto das tres universidades galegas

As tres universidades galegas traballaron conxuntamente na organización deste encontro, que conta coa colaboración da Xunta, da Deputación, dos concellos de Pontevedra e Poio e da Cámara de Comercio. A nivel internacional, a cita está promovida pola Asociación Iberoamericana de Didáctica Universitaria. Primeiras espadas do tema como o Miguel Zabalza, Miqel Martínez ou Ronald Barnett integraron o programa de relatorios desenvolvido desde o luns. Unha programación que se completou con máis de 120 comunicacións que analizan e avalían os diferentes aspectos do practicum. Todas elas quedarán recollidas nas actas para que estean a disposición de toda a comunidade universitaria, non caian en saco roto e poidan ser aproveitadas, se así o consideran necesario, as autoridades competentes.