DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria dos Premios á Excelencia Académica está aberta ata o 31 de outubro

Unha tablet para os mellores

A Universidade premia aos estudantes de novo ingreso con mellor expediente académico

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 08/10/2012

Ser o mellor ten premio máis aló da satisfacción persoal. A Universidade de Vigo abre un ano máis a convocatoria dos Premios á Excelencia Académica que recoñece aos estudantes de novo ingreso cunha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de ensino secundario.

Nesta edición poderán optar a estes galardóns os mellores estudantes tanto do Bacharelato como de Formación Profesional que teñan cursado a súa matrícula para curso 2012-2013 na Universidade viguesa en calquera dos seus graos. Deste xeito téntase poñer en valor o esforzo realizado polo alumnos de novo ingreso na institución no seu camiño cara a universidade e que lles serviu para obter uns resultados excelentes. En total concédense 45 axudas consistentes nunha Tablet Pc, unha ferramenta de axuda ao estudo que lles serán entregadas nun acto público. A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de outubro.

Requisitos da convocatoria

Para presentarse á convocatoria é preciso matricularse por primeira vez no curso académico 2012-2013 en calquera das titulacións oficiais de grao impartidas nos centros propios da Universidade de Vigo e ter finalizado os estudos de bacharelato ou ciclo formativo de grao superior no curso 2011/2012. Así, poderán optar ao a este certame todos aqueles que obtivesen un premio de extraordinario de Bacharelato da Xunta de Galicia no curso 2011-2012 e os que se clasificase no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas ao longo do curso 2011/2012, sempre que estean recoñecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia ou polas consellerías das comunidades autónomas que teñan competencias en educación, ou ben participe na súa organización algunha universidade. Tamén poden participar todos aqueles estudantes de novo ingreso que, sen estar nun dos dous apartados anteriores, acredite unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico no Bacharelato, na convocatoria de xuño do curso 2011/2012, así como os que, sen estar nun dos apartados anteriores acredite unha puntuación igual ou superior a 9 puntos na valoración do expediente académico do ciclo formativo superior de formación profesional, na convocatoria de xuño.

Os 45 premios concederanse de xeito que 20 vaian a mans dos que obtiveran un Premio Extraordinario da Xunta, 5 aos alumnos mellor clasificados nas Olimpíadas Científicas, 10 aos mellores expedientes do Bacharelato e outros 10 aos mellores de Formación Profesional.