DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cerimonia inaugural do XI Mundial Universitario de Taekwondo

Taekwondistas de 48 países desfilan sobre o tatami de Vigo

As autoridades gabaron a participación e organización do evento e subliñaron a implicación de Vigo c

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 30/06/2010
Un total de 48 bandeiras dos cinco continentes, portadas polos representantes de cada nación, desfilaron este mércores polo tatami do pavillón das Travesas como acto de apertura do XI Mundial Universitario de Taekwondo, no que foi tamén o primeiro día de competición deportiva. Durante a cerimonia de inauguración, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, deu a benvida aos participantes na competición e subliñou a implicación de Vigo no fomento da actividade física, definíndoa como “unha cidade que ama e vive o deporte” e desexou sorte aos participantes, “cuxo espírito e valores deportivos deben trasladarse á cidadanía”. Ademais, Domínguez tamén recalcou a constante aposta polo deporte dende o Concello “o que nos fixo merecedores do Premio Nacional do Deporte” facendo tamén referencia á recente acollida do Forum FISU na cidade como un exemplo desta implicación. Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, salientou a gran participación que recibiu o mundial, sendo o máis numeroso da súa historia con 600 deportistas de todo o mundo, aos que convidou a “gozar de Galicia” durante a súa estadía.

O acto de inauguración tamén contou coa presenza de autoridades do eido deportivo, entre as que se atopaban Kemal Tamer, membro do Comité Executivo da FISU; Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Jose Ramón Lete, que felicitou ao Concello e á Universidade, encargados conxuntamente da organización do Mundial Universitario de Taekwondo, “o que amosa a capacidade que ten a cidade para levar a cabo eventos de esta envergadura” afirmou.

Tras a intervención das autoridades, os taekwondistas do equipo español, Laura Kim e Joel González, recitaron o xuramento en nome de todos os deportistas universitarios, avogando polo xogo limpo, a deportividade “e unha competición sen dopaxes”. Como colofón da cerimonia, o club Yidam de taekwondo realizou unha exhibición de técnicas e combates, tras a cal se elevaron as bandeiras de España e de Galicia ao ritmo dos seus respectivos himnos, para finalmente colocar a da FISU acompañada do Gaudeamus Igitur.

A modalidade pomse inicia a competición

A primeira xornada de competición arrincou ás 9.00 horas deste mércores, comezando pola modalidade pomse, na que 50 deportistas amosaron o depurado da súa técnica e o dominio dos movementos propios da disciplina. No caso do equipo español, Mikel Martínez e Laura Kim participaron na categoría de parella mixta e na individual masculina e feminina respectivamente. Ademais, Martínez tamén formou equipo con Álex Elizalde e Jon Monreal para competir na categoría de trío masculino.

Tras a primeira xornada, quedan por diante catro días de competición nos que terán lugar os combates nas categorías feminina e masculina, e nos que os representantes da Universidade de Vigo, Rebeca Mariño e Fernando Rascado, non competirán ata o vindeiro domingo.

Representación da Universidade nun evento multitudinario

Nas bancadas do pavillón das Travesas, os equipos de taekwondo dos 48 países participantes agardaban a súa quenda na competición, entre eles o conxunto español, integrado por deportistas de 26 universidades españolas. Rebeca Mariño e Fernando Rascado, que portou a bandeira de España durante a cerimonia inaugural, representan á Universidade de Vigo nesta competición, na que tamén haberá outros dous galegos pola UNED, Juan Fernández e Estefanía Hernández.

Miguel Ángel Nombela, director da Área de Estudantes e Deportes da Universidade expresou a súa confianza nas posibilidades dos universitarios, avalados polos resultados da institución académica a nivel estatal en anos anteriores con vitorias en 2006, 2007 e 2008 e subcampionatos en 2009 e 2010.

Xunto ao español, atopábanse os equipos que poderían ser os seus principais rivais, salientando os asiáticos Korea, China, e China Taipei, así como Cuba, Irán e Turquía.Todos eles, xunto co equipo arbitral e o xurado da competición, ateigaban o pavillón dando lugar a unha concentración multitudinaria onde non faltou o público, tamén de diversas nacionalidades, que acudiu a animar aos deportistas durante a competición.