DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O científico xaponés, Doutor Honoris Causa pola Universidade, participou no ciclo de relatorios do C

Takeshi Yasumuto gaba as posibilidades do Campus do Mar para incrementar a relación entre Vigo e Xapón

Subliñou a necesidade de desenvolver métodos de detección das toxinas mariñas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/04/2011
O científico xaponés Takeshi Yasumoto, profesor emérito da Universidade de Tohoku e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, regresou este mércores ao campus para participar no ciclo de conferencias do Campus do Mar e, como non ía ser doutra maneira, fíxoo cun relatorio que versou sobre as biotoxinas mariñas, o tema ao que dedicou a súa carreira investigadora e que o levou a atopar novos métodos de análise que permiten protexer mellor a saúde humana e a economía dos cultivadores de moluscos bivalvos.

Na súa visita á cidade na que hai pouco máis dun ano foi investido Doutor Honoris Causa recoñeceu que a paisaxe de Vigo lle recorda moito a toda a área de Xapón, sobre todo no que a produción de produtos mariños se refire, desde os mexillóns ata as ostras. “Estamos nun lugar que ten un enorme potencial para a industria mariña e tamén para todo o que teña que ver coa investigación relacionada con este eido”, subliñou minutos antes da súa intervención no ciclo de conferencias do Campus do Mar, un proxecto que considera “excelente” para poder desenvolver a gran escala “todo este potencial”, ao que engadiu que “é unha oportunidade extraordinaria para incrementar a colaboración entre Europa e outros lugares e, en concreto, con Xapón, pois entre ambos países hai moitos puntos en común”.

Biotoxinas mariñas: un problema que se estende

Presentado polo ex-reitor vigués, José Antonio Rodríguez Vázquez, compañeiro e amigo “dende hai xa máis de vinte cinco anos, cando tiveron lugar as primeiras visitas aos laboratorios de Química Analítica que logo se estenderon no tempo”, Yasumoto achegou unha visión xeral dos últimos avances que se están a producir no eido das biotoxinas mariñas “un problema que afecta a todo o mercado mundial”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé en que os problemas relacionados con esta temática están en aumento en todo o mundo. “O cambio climático e a eutrofización dos ambientes mariños parecen axudar a que este tipo de toxinas medren e se diseminen”, especificou, ao que engadiu que "é urxente desenvolver métodos de detección e determinación das toxinas para protexer a saúde humana dos seus efectos máis perigosos".

O denominado peixe ciguatera centrou boa parte da súa intervención, á que asistiron numerosos membros da comunidade universitaria, incluído o director do Campus do Mar, Emilio Fernández. Para o científico xaponés, que centrou a súa carreira na busca de novos medicamentos, esta especie, común nas zonas tropicais, supuxo todo un desafío dende o principio da súa carreira, xa que “por el enferman varios miles de persoas ao ano, sendo o envelenamento máis estendido debido a unha toxina non bacteriana”.

Máis alá da ciguatera, Yasumoto non pasou por alto outro tipo de toxinas producidas por dinoflaxelados bentónicos, todas elas asociadas á intoxicación por mariscos nos mares tropicais, ou, xa no Mediterráneo, á hospitalización masiva de bañistas nas praias debido a problemas de inhalación. “A amplitude de moléculas e a limitada dispoñibilidade das normas non deixan de ser obstáculos neste traballo de análise”, subliñou.