DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival de cine de referencia en internet admite unha curta de titulados en Comunicación Audiovis

O talento audiovisual do campus sube de nivel

Rodaron unha idea dada polo director José Luis Cuerda quen tamén escollerá as pezas gañadoras

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 01/02/2012

As novas promesas do audiovisual formadas no campus de Pontevedra non saben de barreiras nin de xerarquías. Un grupo de 15 alumnos e alumnas recentemente titulados en Comunicación Audiovisual decidiron presentarse a NotodoFilmFest, o festival de cine de referencia en internet para a promoción de novos talentos. Fixérono coa curtametraxe 28D nunha sección dirixida polo director de cine José Luis Cuerda e na que el mesmo facilitaba aos participantes a sinopse da historia. A curta acaba de ser aceptada polo xurado do festival e agora deberá convencer ao propio Cuerda, que tamén será o encargado de escoller aos catro finalistas desta décima edición. Aínda que recoñecen que hai moita calidade nas demais propostas, estar entre os 17 aceptados xa é para eles un premio. “Xa nos damos por satisfeitos con que José Luis Cuerda vexa un traballo feito por alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra”, explica Bibiana Juanes, directora do proxecto e voceira do grupo.

Concorrer a festivais e concursos é unha das principais vías que os novos egresados teñen para promocionar os seus proxectos e creacións audiovisuais. Neste caso preferiron saltarse os certames máis locais e dar un paso máis aló coa realización desta curtametraxe feita ex professo para NotodoFilmFest, que naceu en 2001 da man de Javier Fesser como vía para descubrir novo talento e conseguir difusión e distribución dun xeito asequible. Presentaron a curta na sección Una peli de…, que este ano dirixe José Luis Cuerda e da que teñen saído profesionais do nome de Daniel Sánchez Arévalo, director de películas como Gordos, Primos ou Azul case negro. “A día de hoxe aínda seguen participando directores xa recoñecidos”, apunta Juanes, de aí a relevancia e a reputación do concurso.

Neste certame Cuerda achegaba unha pequena sinopse que os participantes tiñan que adaptar e desenvolver. Aproveitando que unha parte dos titulados estudan o Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade de Vigo “decidimos asumir o reto de continuar o guión iniciado por José Luis Cuerda e presentar a nosa idea aproveitando que se trata dunha ventá aberta á nova sangue”, sinala a voceira. Consideran que NotodoFilmFest é unha plataforma ideal para darse a coñecer “pois goza de recoñecemento e publicidade, ademais de ser un concurso que ve moita xente que pertence ao audiovisual”.

Traballar dende a distancia

Bibiana Juanes, Adrián Carrón, Ana Eiras, Elena Pérez, Iago Sánchez, Pablo Lamosa, Sarai Sánchez, Rubén Lino, Manuel Gago, Omar Juan Ietum, lnés Dosil, Sara Pérez, Noelia López e Lidia Montes aproveitaron as súas vacacións de Nadal para rememorar vellos tempos e rodar a curtametraxe. “Nun principio era simplemente un reencontro entre amigos, pero logo se converteu noutro proxecto audiovisual”, aclara Juanes. Para desenvolver o proxecto botaron man das novas tecnoloxías, “xa que uns estaban en A Coruña, outros viven en Cangas, Edimburgo, Barcelona…”. Víronse en persoa soamente o día da rodaxe. “Pódese dicir que foi unha curta cibernética”, bromea. A pesar da distancia, a organización e os resultados foron inmellorables, “case profesionais”.

Aínda que son conscientes de que é difícil gañar, confesan que participar neste tipo de certames devolve o optimismo e as ganas nun momento “no que a cultura parece non interesar”, sinala Juanes. O premio ao gañador é de 2000 euros pero para eles o máis valioso sería “que alguén como José Luis Cuerda nos recoñeza como profesionais”.