DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ademais dun convenio de prácticas, a facultade dispón dun stand no que se expoñen proxectos do alumn

O talento de CCSS e da Comunicación faise un oco en Culturgal

Catro estudantes de Publicidade e Relacións Públicas colaboran co departamento de comunicación da fe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 02/12/2011

Co fin de proxectar e dar a coñecer todo seu potencial, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación colabora por primeira vez coa Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que abriu este venres as súas portas no Pazo de Congresos e de Exposicións de Pontevedra. Grazas a un convenio de colaboración asinado recentemente entre ambas institucións, a facultade fíxose cun oco nun dos eventos máis importantes de promoción da cultura galega ao dispor dun stand no que expor os traballos gráficos e audiovisuais do seu estudantado. “Culturgal é unha cita obrigada porque supón unha oportunidade máis para proxectar a imaxe do centro e promocionar as tres titulacións e catro posgraos que oferta”, comenta Juan Corbacho, decano do centro. A colaboración inclúe ademais a realización de prácticas preprofesionais de catro alumnas de Publicidade e Relacións Públicas no departamento de comunicación da feira.

Culturgal cedeu un pequeno espazo no que a Universidade de Vigo está representada pola facultade con todas as súas titulacións. O gabinete de protocolo do centro deseñou un expositor no que se amosan traballos e proxectos de alumnos e alumnas do centro, con exemplos de spots publicitarios, curtametraxes, montaxes de animación ou gráfica. Como apunta o decano, a facultade debe estar presente en todos aqueles eventos nos que sexa posible dar a coñecer as capacidades creativas do centro, “pois non se debe esquecer que moitos dos nosos estudantes acaban atopando a súa saída profesional nas industrias culturais”.

Dado o éxito da colaboración, tanto a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como Culturgal teñen a intención de manter e ampliar esta iniciativa conxunta. “Este tipo de eventos realizados por asociacións cada vez teñen máis complicado o seu financiamento, polo que cada vez necesitan máis da ilusión e dos coñecementos que pode achegar a xente nova que está a formarse na nosa facultade”, apunta Paulino Pérez, sinalando tamén os beneficios que lle supón ao centro, “tanto para darnos a coñecer, como ter posibilidade de ofrecerlles aos alumnos prácticas reais”.

Experiencia profesional na organización de eventos

Froito do convenio de colaboración, Andrea Andión, Ana Mariño, Marta Expósito e Merce García, alumnas do último curso de Publicidade e Relacións Públicas, están inmersas nos labores de organización da feira, enriquecendo e pondo en práctica o aprendido nas clases. Como explica o profesor Paulino Pérez, principal impulsor da relación entre as dúas institucións, “estamos ante un magnífico escenario para que o alumnado desenvolva a parte profesional dos coñecementos teóricos aprendidos e, o feito de poder facelo nun evento real, cos seus tempos, coas súas responsabilidades e cos seus problemas, converte a Culturgal nun escenario de prácticas ideal”.

Ademais do apoio en labores de comunicación da feira, as catro alumnas tamén foron as responsables de deseñar a campaña de promoción de Culturgal dirixida ao público máis novo a través das redes sociais e coa difusión de folletos, na que se animaba aos universitarios a que visitasen o evento. Para iso, crearon un concurso sobre paper toys “no que os participantes tiñan que crear un xoguete de papel que está exposto na feira”, explican as propias alumnas. Así mesmo, consideran que esta colaboración con Culturgal é unha oportunidade inmellorable para coñecer de primeira man como se organiza un evento desta magnitude, cales son as principais funcións do gabinete de comunicación e aprender dos profesionais cos que colaboran. “As catro recibimos con grande ilusión este proxecto, porque case ningunha tivera contacto co mundo profesional e estabamos ansiosas por coñecer o que se fai en verdade fóra das aulas”, sinalan.