DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco ex alumnos e alumnas presentan unha escolma das súas coleccións no Liceo Casino

O talento de Esdemga desfila na Ponmo

Todos eles acadaron o primeiro premio no Debut do centro nos últimos anos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 25/09/2013

Os proxectos fin de carreira de cinco ex alumnos e alumnas da Escola de Estudos de Moda e Deseño de Galiza protagonizarán, este xoves 26 de setembro, o desfile inaugural da pasarela Ponmo no Liceo Casino. Yeray Suárez Brandestein, Áurea Aburto, David del Río, Laura Otero e Amai Rodríguez presentarán unha escolma das súas coleccións para home e muller nadas no seo do centro pontevedrés, logo de conseguiren cada un deles, no seu momento, o primeiro premio no Debut de Esdemga, un certame que promove a propia escola entre o alumnado do último curso desta titulación.

A pasarela instalada no Liceo Casino acollerá 15 deseños, tres por cada un dos ex alumnos de Esdemga, sendo tan só o de David del Río o que presente unha proposta mixta. Tanto Yeray Suárez Brandestein como Áurea Aburto achegarán ata este emblemático edificio do casco histórico dúas propostas dirixidas expresamente ao público masculino. Os deseños para unha muller moderna, actual e rompedora quedan na man de Laura Otero e Amai Rodríguez.

Tres princesas siberianas e un naufraxio

Real Belle Dolls foi o título elixido por Laura Otero para o seu traballo fin de carreira no que a deseñadora se inspira na historia de tres princesas siberianas que sofren un naufraxio nas frías augas de Rusia. “Cando o equipo de National Greographic as descubriu, as tres mozas estaban momificadas pero moi ben conservadas debido ás baixas temperaturas”, explica Otero. Naquel intre á moza chamoulle moito a atención o desapercibido que pasaban os corpos das tres princesas ao mimetizárense coa contorna. “Confundíanse co decorado, repleto de flores, adornos que colgaban do teito do seu barco, cortinas de puntilla, enormes espellos, xoias e a cama, na que elas xacían, ornamentada con forxas”, relata.

A historia destas tres princesas serviulle a Laura Otero de inspiración para levar a cabo o seu proxecto. Os vestidos destas damas “estaban excesivamente adornados, con bordados e estampados florais que me recordaban dalgún xeito á estética dos traxes dos zares da dinastía Romanov”. Para configurar os seus deseños, Otero botou man de telas como a seda, o tul, os encaixes e os velos, “que logo fun adornando con bordados artificiais e cruces”. Os estampados a man foron o toque persoal da deseñadora para adaptar estas creacións ao século XXI.

Un ano despois de conseguir, grazas ao seu traballo fin de carreira, o primeiro premio no Debut 2012, Laura Otero retoma este proxecto para presentalo ante o público pontevedrés. Aínda que non será o Liceo Casino o primeiro lugar no que se expoñan os seus deseños, xa que Otero tivo a oportunidade de amosar unha escolma da súa colección en Asturias, concretamente no Centro Niemeyer, hai tan só un par de meses. Participar no desfile inaugural da Ponmo supón para a deseñadora “retomar ese traballo fin de carreira e ao mesmo tempo facer algo diferente no meu día a día”.

Os monstros dun circo da década de 1930

Un filme americano dirixido en 1932 por Tod Browing e coñecido en España como A parada dos monstros foi o punto de partida do traballo de fin de carreira de Áurea Aburto quen elixiu o título en inglés da cinta, Freaks, para ilustrar o seu proxecto. Hoxe en día esta película é un clásico do cinema de horror pero, por aquel entón, foi considerada como un filme de mal gusto polo propio público americano ao amosar persoas deformes, mulleres barbudas e ananos nun circo que nada ten que ver cos actuais.

A través do seu proxecto, tamén galardoado co primeiro premio no Debut 2010, Aburto pretende amosar as dúas caras dos integrantes deste circo que esperta tanto a curiosidade como o rexeitamento da sociedade da época. Grafismos e debuxos feitos amosan esa vertente máis escura da historia mentres que o uso de cores vivas e numerosos estampados achegan ao espectador a parte máis tenra do filme. Achegarse de novo a este proxecto de moda masculina sérvelle á deseñadora para “ter ganas de traballar nunha colección coma esta”. Compartir espazo na pasarela Ponmo con compañeiros de Esdemga é para ela outro aliciente máis “parecendo por momentos que volvemos á nosa época de estudantes”, relata. Ao igual que Laura Otero, Aburto tamén amosou parte dos seus deseños noutras cidades españolas como Vitoria ou Sevilla con grande éxito de crítica e público.