DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o 18 ao 23 de febreiro de 2011

O talento de Esdemga, presente no Ego de Cibeles por sétima vez

Victoria Monasterio, alumna da terceira promoción, amosa os seus deseños en Madrid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 17/02/2011

Galicia continúa afianzándose como canteira de profesionais para o sector do téxtil, achegando cada ano novos talentos ás principais pasarelas do panorama nacional. E Esdemga, Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia, tamén contribúe a esta consolidación pois por sétima vez vese representada na Madrid Fashion Week, a través dunha das súas tituladas. Tócalle a quenda a Victoria Monasterio, da terceira promoción, que se iniciou na pasarela Debut 09. Participa por segunda vez consecutiva no Ego de Cibeles, un espazo dirixido ás novas promesas do deseño en moda, o que suporá unha oportunidade para amosar as súas creacións de outono/inverno no escaparate de maior proxección internacional do país.

A deseñadora exhibe a súa nova colección no showroom do Ego Cibeles desde este venres ata o vindeiro 23 de febreiro, lugar no que o público se poderá achegar ás súas creacións, ademais de ter a posibilidade de mercalas. Neste caso presenta unha proposta de recente produción, enfocada a un público xuvenil que emprega predominantemente tons cálidos, en especial a cor salmón, como símbolo de mocidade, alegría e despreocupación. “Se na colección anterior viña de empregar uns tons fríos, negro preferentemente, agora cambiei totalmente o estilo pasándome a un máis xuvenil, máis salvaxe, máis desenfadado que tenta representar o paso da nenez a unha idade máis rebelde”, explica.

A pesar dos cambios con respecto ás coleccións anteriores, conserva a presenza dunha liña gráfica, creando prendas con ilustracións, algo inherente a súa personalidade e gusto polo debuxo. Para materializala empregou “telas de abrigo relacionadas coas estacións máis frías e que contrastan coa calidez da cor” como a lá, impermeables, sarga, algodón... Nesta edición, debido a esta aposta desenfadada e actual que presenta, o xurado escolleu, entre máis de trinta deseñadores, algunhas das prendas de Victoria Monasterio para sortealas entre os cidadáns da comunidade de Madrid con Carnet Joven, o que axudará “a promocionar e dar a coñecer a miña marca na capital”, subliña a deseñadora.

Importancia de facer contactos

Motivada polos resultados acadados o pasado mes de setembro, cando debutou no Ego de Cibeles, momento que aproveitou para “facer contactos con algunhas tendas”, repite coas expectativas de continuar para “darme a coñecer, ver de primeira man o que ocorreo, o ambiente no que nun futuro me quero mover e tamén beber das novas tendencias que se expoñen”, explica Victoria. O certo é que estar presente neste tipo de desfiles destinados á promoción de novos talentos permítelles relacionarse coas principais referencias do sector téxtil do panorama nacional, coñecendo de primeira man o seu método de deseño e traballo, ademais de converterse “nun bo escaparate no que poidan darse conta do potencial e mercar as propostas”, engade.

Moi centrada no aspecto comercial, Victoria Monasterio xa vende as súas prendas a través de distintas webs de moda, concretamente en Jungleshop e en CreativeHanger. Cos pés na terra e consciente da vixente crise económica que desencadea “nunha falta de medios para levar a cabo unha pequena produción”, continuará desenvolvendo e consolidando esta nova colección coa idea de que na vindeira edición do Ego Cibeles dar o salto á pasarela e “que poidan desfilar as miñas propostas ante os ollos de persoeiros máis importantes da moda nacional e internacional”, conclúe a deseñadora.

Alumna da terceira promoción de Esdemga

Victoria Monasterio foi alumna de terceira promoción de Esdemga, consolidando o seu percorrido estudantil no desfile Debut09 cunha colección inspirada na diva berlinesa Marlene Dietrich, a través da cal puña de manifesto unha androxinia asexuada ao tempo que sensual. Ademais de participar na edición anterior do Ego Cibeles tamén fora seleccionada para mostrar a súas propostas no South 36.32N New Fashion Latitude de Cádiz, un dos principais eventos do mundo da moda independente a nivel estatal, no pasado mes de xuño.

Pero Victoria Monasterio non é a única abandeirada da Universidade, a marca American Pérez, fundada por Jorge Bolado Boo, licenciado en Belas Artes, desfilará na pasarela do Ego Cibeles cunha colección titulada Girls on Fire o próximo 23 de febreiro. No pasado ano xa gañara o premio L´Oreal á mellor colección con A woody place.