DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ANL promove unha nova edición dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución

O talento literario da Universidade, a concurso

O prazo para o envío dos textos remata o 31 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 16/02/2012
Co fin de fomentar e recoñecer o talento literario que se agocha tras as paredes da Universidade, a Área de Normalización Lingüística convoca, un ano máis, os Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución. Esta chamada á creatividade ten como obxectivo galardoar o traballo realizado en lingua galega polos membros da comunidade universitaria, independentemente do área de coñecemento ao que pertenzan, evitando os prexuízos da exclusividade de filólogos ou tradutores. Deste xeito todos os interesados, agás os docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución, poderán presentar as súas propostas no concurso en igualdade de condicións.

Os textos teñen que ser inéditos e non estar premiados noutros certames, estar escritos en galego seguindo a normativa proposta pola Real Academia no ano 2003 e axustarse a unha determinada extensión e requisitos de presentación que se poden consultar nas bases do certame. Respecto aos galardóns, repartiranse un total de 3600 euros entre as tres categorías de participación, sendo 700 euros para os primeiros premios e 250 euros para cada accésit, malia que hai que ter en conta que todos eles poden declararse desertos en función do tribunal.

Un total de 32 aspirantes na edición de 2011

No concurso de 2011 presentáronse un total de 32 traballos, 12 na categoría de poesía, 14 en relato curto e 6 en tradución literaria. Na modalidade de relato curto, foi o profesor de Dereito Virxilio Rodríguez o que se fixo co primeiro premio co texto Espellos, ambientado na caída do muro de Berlín como símbolo de liberdade. En poesía foi o estudante de ETS de Enxeñaría de Minas Xosé Daniel Costas o que se alzou co primeiro premio coa obra Dime de ti, na que reflexiona sobre as persoas que o rodean, de todo aquilo que fai especial a cada ser humano. No ámbito da tradución, o primeiro premio quedou deserto.

Prazos de presentación

O prazo estará aberto ata as 14.00 h do 31 de marzo, e os interesados terán que dirixir os seus traballos á Area de Normalización Lingüística dende calquera dos rexistros. No caso dos textos gañadores, a propiedade intelectual será do propio autor ou autora excepto a primeira edición, xa a entidade académica publica cada ano un volume coas obras premiadas. Tras esta, os autores poderán publicar ou presentar os seus textos, sempre e cando fagan constar a súa condición de Premio Universidade de Vigo.