DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conferencia do ex ministro de Defensa, Eduardo Serra, ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio

O talento das persoas é a ferramenta para saír da crise económica

A globalización e a revolución tecnolóxica definen a nova sociedade do século XXI, segundo o polític

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 14/05/2013

“Pensen… e se é a cuarta vez que os máis pesimistas se equivocan?”. Logo da morte do xeneral Francisco Franco en 1975 a democracia parecía una utopía difícil de acadar. A adhesión de España en 1985 á Comunidade Económica Europea, a actual Unión Europea, suporía a destrución da industria do país. Formar parte dunha moeda única, o euro, sería un reto difícil de conseguir. Hoxe en día expertos e cidadáns de a pé centran o debate nunha crise económica na que “o pesimismo non está xustificado”, como asegurou Eduardo Serra, ministro de Defensa entre os anos 1996 e 2000 durante unha conferencia impartida ao abeiro da Cátedra Álvarez Ossorio na Escola Naval Militar de Marín.

A fin da historia

Dende o remate da II Guerra Mundial en 1945 ata a caída do Muro de Berlín en 1989 o mundo mantívose nun status quo dominado por dúas grandes superpotencias: EEUU e a URSS. O temor a unha guerra nuclear sostivo no tempo unha situación estática marcada pola igualdade entre ambos en capacidade militar e nuclear, pero a caída do muro supuxo un cambio de ciclo na historia mundial que se suporía que estaría marcado por unha estabilidade baixo a hexemonía incontestable dos Estados Unidos. Os atentados do 11 de setembro de 2001 ás Torres Xemelgas “fixeron que a sociedade espertase do seu soño e vise claramente como empezaba a asomarse unha nova etapa”, asegurou o avogado e político no seu relatorio sobre o panorama estratéxico actual, durante o que estivo acompañado polo director da cátedra, Rafael Ceñal, e o comandante director da Escola Naval de Marín, Juan Luis Sobrino.

Consecuencia da globalización

A globalización e a revolución tecnolóxica definen o tempo no que vive esta nova sociedade do século XXI. “A caída das barreiras económicas achéganos ao concepto de aldea global e trae consigo a aparición de novas potencias industriais. A crise económica aparece como consecuencia directa da globalización”, comenta Serra. Con todo, esta situación financieira fai do mundo “un lugar inseguro no que os seus habitantes teñen medo. Só hai unha panca que poida despexar as inseguridades do futuro: o talento”. Esta é a clave para que Europa poida manter dereitos coma a sanidade universal ou a educación pública. “O talento é unha calidade persoal que se pode modular a través do sistema educativo sacando de cada alumno e alumna o mellor de si mesmo. Non hai máis talento nuns países ca noutros. Está democraticamente repartido”, dixo o ex ministro de Defensa.

Fortalezas e debilidades de España

“Europa deixará de ser o embigo do mundo”, un feito que en opinión do Serra podería chegar a ser moi beneficioso para todos os países que a integran. No que atinxe a España, tanto a súa posición xeográfica de porta de entrada á Unión Europea como a súa propia historia son dous elementos estratéxicos que lle outorgan diversas vantaxes, como o idioma: o español é a cuarta lingua máis empregada do planeta e a segunda con máis uso entre os idiomas occidentais. O feito de ser unha potencia turística e de “saber adaptarse ás novas circunstancias” son outros dos factores facilmente identificables como fortalezas, asegura.

Entre as debilidades do país: o seu tamaño, “non é un estado grande nin tampouco pequeno”, e o feito de que non se dea o salto dende a investigación básica á de tipo aplicado, aquela que converte a ciencia en tecnoloxía. “Debemos acadar a materialización da investigación en patentes”, destacou.