DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu unha Xornada de Innovación e Emprendedores do Proxecto Nacce

O talento TIC busca o seu oco na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Os participantes contan co apoio e asesoramento de 60 mentores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/09/2012
Hai talento, hai formación, hai mercado e hai expectativas de futuro. Pero falta que as ideas se convertan finalmente en proxectos empresariais sólidos. Con esta preocupació´n de fondo e para axudar aos emprendedores do eido TIC a transformar en realidade as súas propostas de negocio, o campus de Ourense acolleu este martes por segunda vez unha Xornada de Innovación e Emprendedores do Proxecto Nacce, unha iniciativa que une axentes públicos e privados, que quere dar un paso máis no reto de paliar as deficiencias do sector TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Amparo González, directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta; José María López, presidente de AGESTIC, e José Manuel García, xerente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo foron os encargados de inaugurar a sesión de Nacce, cofinanciado polo programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal (POCTEP) e fondos FEDER e do que a a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo é un dos socios xunto a AGESTIC, a Cámara de Comercio de Vigo, a AIMinho (Asociación de Empresas do Norte de Portugal) e o CCG (Centro de Computaçao Gráfica).

“A universidade é un centro de coñecemento e investigación, pero a transferencia é o seu terceiro piar. Por este motivo é imprescindible que desde a contorna universitaria poidamos, a través de sinerxías coas demais institucións, contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e a facer así unha sociedade mellor”, salientou María Lameiras durante a inauguración da xornada. Neste senso, apuntou Mª Amparo González, “o sector TIC ten un enorme potencial que merece unha aposta decidida, especialmente nestes tempos de crise”. Deste xeito, advertiu a directora xeral de Promoción do Emprego, o desenvolvemento TIC non só beneficia ao propio sector, senón que a súa aplicación en todo tipo de empresas contribúe ao desenvolvemento económico xeral.

Presente e futuro

Nesta aposta polas TIC, o presidente de AGESTIC animou aos participantes a aproveitar todas as posibilidades que lles ofrece Nacce, “un proxecto global” no que os participantes contan con máis de 60 mentores de toda Galicia para apoialos e asesoralos nos seus proxectos empresariais. “Ben asesorados podedes levar as vosas empresas ao éxito”, díxolles aos emprendedores presentes. “O sector TIC é un sector con posibilidades ilimitadas de futuro, que pode ser locomotora de desenvolvemento en Galicia e nel temos moito talento que aproveitar”, engadiu o xerente da Cámara Oficial de Comercio de Vigo.

Para amosar exemplos prácticos de éxito durante a xornada, coordinada por Francisco Javier Rodríguez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, participaron profesionais do sector como Roi Correa, de Web Menus; Eva López, de Womenemprende; Fran Muíños, de UNE Comunicación, e Ignacio de Francisco, de Compring.com.