DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle diferentes seminarios nas xornadas previas ao desfile deste venres

Un taller centrado nunha pistola para facer alfombras abre a programación formativa de Debut 

Profesionais formados en Esdemga protagonizarán dous coloquios no Convento de Santa Clara

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/11/2022

Un taller de tufting gun, unha técnica de traballo baseada no uso dunha pistola que permite crear alfombras de xeito manual, abríu na mañá deste luns a programación formativa de Debut 2022. Como é habitual, as xornadas previas á celebración do desfile no que os novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as coleccións que constitúen os traballos de fin de estudos albergan un conxunto de actividades centradas no mundo da moda, como os catro workshops que nestes días terán lugar na Facultade de Belas Artes e as dúas mesas de debate que nas tardes de mércores e xoves reunirán no Convento de Santa Clara a unha serie de profesionais do sector formados nas aulas de Esdemga.

As posibilidades do tufting gun, máis aló das alfombras

Divididos en tres grupos, un total de 15 alumnas e alumnos inícianse entre este luns e este mércores na técnica do tufting gun, nun seminario impartido polos integrantes do proxecto artístico Twee Muizen, Cris Barrientos e Denís Galocha. “É unha técnica téxtil bastante novidosa, que está contemplada para crear alfombras, pero coa que podes desenvolver un proxecto artístico que non teña nada que ver con estas”, apunta Barrientos dunha ferramenta “moi versátil”, que no seu caso empregan para diferentes tipos de proxectos, desde tapices ou murais a propostas “de gran formato” ou os “personaxes” aos que dan forma no marco de Twee Muizen, un “proxecto artístico” que combina unha “parte máis gráfica e pictórica”, da man de Galocha, egresado da Facultade de Belas Artes, e “outra máis téxtil”, na que centra o seu labor Barrientos, titulada en Deseño de Moda. 

Tras presentar o seu traballo, os responsables deste taller buscan iniciar ao alumnado no dominio dunha ferramenta “sinxela de manexar”, pero que require ter “bastante claras unha serie de cousas” no seu inicio, como que tipo de fíos poden usarse con esta pistola, así como o tipo de tecidos sobre os que pode aplicarse. A partir de aí, “como calquera outra técnica, require de práctica para ir mellorando”, salienta Barrientos, e por iso o propósito do taller era que os participantes poidan ir experimentando coa ferramenta, coa idea de que poidan tamén “levarse un pequeno tapiz ou unha mostrado que fixeron no workshop”. 

Colaxe, creación de volumes e retoque fotográfico

Na tarde deste luns arranca tamén Simulados. Representar [una cosa] fingiendo lo que no es. Hacer que una cosa parezca real, un obradoiro de colaxe impartido por Rafafans, un artista e deseñador gráfico especializado no colaxe artístico e dixital, que ten traballado para firmas como Armani ou Yves Saint Laurent. O obxectivo deste taller é explorar as posibilidades que ofrece o colaxe no deseño de moda. Con esa idea, o taller comprende tanto unha “breve introdución e percorrido pola técnica”, como a realización de “diversos exercicios prácticos e plásticos”, segundo informan desde o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. 

Na programa formativo de Debut insírese así mesmo a segunda edición dun taller impulsado grazas ao apoio da Xunta a través de Artesanía de Galicia e do Xacobeo, no que o artesán Félix de Martín afonda no traballo con volumes a partir das técnicas que se desenvolveu no seu labor como creador de sombreiros. Como informan desde o mestrado, trátase dun taller “puramente práctico, centrado no coñecemento dos materiais estruturais e das técnicas necesarias para a súa utilización con volumes de confección”. Por último, esta serie de actividades formativas complétase cun obradoiro de retoque dixital para fotografía de moda, a cargo de Noelia López, que afondará nas diferentes fases de traballo “desde a planificación ata os coñecementos técnicos, culturais e estéticos”, co obxectivo de dotar aos e ás participantes de ferramentas que lles permitan comprender e resolver “problemas comúns nas sesións fotográficas”.

Dous encontros con profesionais formados en Esdemga 

Unha serie de profesionais do mundo da moda que previamente foron estudantes de Esdemga serán os protagonistas das dúas mesas redondas que terán lugar o mércores e o xoves, ás 19.30 horas, no Convento de Santa Clara. A primeira delas estará centrada no proceso de creación dunha marca propia e contará coas intervencións de Raquel Suárez, creadora de Suagongo; Gabriel Nogueiras, impulsor da firma Rubearth, premiada no Ego da Mercedes-Benz Madrid Fashion Week, e Erica Oubiña, impulsora da marca ik.studio xunto á tamén egresada Inti Noemí Núñez. Xa o xoves, o coloquio porá o foco nunha área de traballo en crecemento dentro do sector, a dirección de arte. Farao coas intervencións de María Cuntín, directora de arte de Zara.com; Melana Freire, directora de arte e vestiario en filmes como Longa noite, de Eloy Enciso, e integrante do equipo artístico de producións como O que arde, de Oliver Laxe; e Xoana Medrano, que traballou como directora de arte para varias empresas do sector.

A programación de Debut 2022 completarase na tarde do venres no Pazo da Cultura co desfile no que doce novos titulados e tituladas presentarán as coleccións que realizaron como traballo de fin de mestrado e no que tamén poderán verse outros 18 proxectos realizados por alumnado de primeiro curso. Este evento verase precedido o propio venres polas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, na que os novos egresados e egresadas manterán unha serie de entrevistas con responsables de persoal de diferentes firmas de moda.