DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un posto informativo achega este programa sociocultural ao estudantado de CCSS e da Comunicación

'Tangram' inicia a súa fase de recrutamento

Convídase ao alumnado a participar na construción dunha caseta, no deseño de mobiliario e nun ‘banco

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 12/03/2014

Abrir novas canles para a colaboración entre a comunidade universitaria e a cidadanía de Pontevedra é un dos obxectivos centrais do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría do campus organiza coa colaboración do Concello. Un obxectivo que non será posible sen a implicación do alumnado, e por ese motivo estase a desenvolver nestes días no campus unha campaña informativa para explicar ao estudantado en que consisten os tres proxectos que integran este programa, a construción dunha caseta veciñal, o deseño de mobiliario que atenda ás necesidades da cidadanía e o intercambio de formación e coñecementos a través dun 'banco escola'

Segundo explica Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, a difusión deste programa sociocultural centrouse nunha primeira fase en informar dos proxectos aos decanatos e direccións dos centros co obxectivo de buscar “a implicación do profesorado máis ligado a cada actividade, posto que aínda que se trate de iniciativas moi abertas e multidisciplinares, tratamos de buscar ás persoas máis relacionadas con cada proxecto”. Tras este primeiro paso, a difusión de Tangram vén de entrar nestes días nunha segunda fase, dirixida a buscar a participación do alumnado con postos informativos como o instalado nesta xornada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Neste stand, o estudantado pode coñecer polo miúdo en que consisten as tres actividades que integran este programa e inscribirse para participar naquela ou naquelas que resulten do seu interese.

Enmarcado dentro do proxecto Green Campus, Constrúe en Verde, o proxecto de deseño e construción dunha caseta que responda ás demandas da veciñanza do barrio da Parda, é unha das iniciativas incluídas neste programa, do que tamén forma parte Apostando polo deseño para tod@s, no que se proporá a creación de grupos interdisciplinares de alumnos e docentes para traballar no deseño de mobiliario tomando como punto de partida tamén as necesidades da cidadanía. Completa Tangram o Banco Escola Universidade Cidadanía, un intercambio de coñecementos e formación que funcionará dun xeito análogo a un banco de tempo.

Unha campaña que se estende por todo o campus

O posto informativo que nesta xornada se atopa en Ciencias Sociais e da Comunicación retornará ao campus o vindeiro luns, xornada na que se ofrecerá información de Tangram na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre as once da mañá e as sete da tarde, como explica Rocío Gómez-Juncal, dinamizadora deste programa sociocultural, que salienta “o interese que está recibindo este proxecto”. De feito, preto de medio de cento de estudantes inscribíronse nalgún ou en varios dos proxectos no stand instalado o pasado luns na Facultade de Belas Artes, xornada na que deu comezo esta campaña de difusión da iniciativa, que o martes foi presentada na Escola de Enxeñaría Forestal e que nos próximos días chegará tamén á Facultade de Fisioterapia e á Escola de Enfermaría.

Mais a presentación de Tangram non rematará aí, posto que a finais de mes os stands trasladaranse ás rúas da cidade co obxectivo de implicar tamén á cidadanía nos diferentes proxectos, que nunha seguinte fase levarán ao desenvolvemento dunhas xornadas técnicas “nas que participará toda a xente implicada e nas que profesorado, alumnos e cidadáns definirán que tipo de accións se van levar a cabo”, engade Antonia Blanco.