DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tania Bruguera define o seu programa educativo como "unha performance a longo prazo"

A artista cubana participa nas actividades da 31 Bienal de Pontevedra acollidas pola Facultade de Be

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 03/06/2010

Xeralmente asociamos a arte de acción e a performance cunha intervención efémera no espazo e no tempo, pero pode ser tamén unha actuación duradeira coa intención de xerar un cambio social. Esta é a visión da artista cubana Tania Bruguera, convencida de que a través da arte se poden acadar mudanzas na realidade. Os seus traballos de inserción na vida cotiá e na política fixérona internacionalmente coñecida e levárona a crear a Cátedra de Arte Conducta, un proxecto educativo e alternativo do Instituto Superior de Arte da Habana. Dentro das actividades da 31 Bienal de Arte de Pontevedra, este ano centrada en Centroamérica e o Caribe, Bruguera estivo onte presentando este proxecto na Facultade de Belas Artes, acompañada de tres participantes nel, os artistas Nuria Güell, Adrián Melis e Levi Horta.

Sabotar a institución desde dentro

“A primeira característica da Cátedra de Arte Conducta é que é unha obra, unha performance a longo prazo”, destacou a artista ao comezo da súa intervención. Sinalou tamén que a idea naceu tras a súa participación na Documenta de Kassel, onde confesou que levou unha decepción co xeito en que se analiza a arte política. A cátedra púxose así en marcha no ano 2002 como un espazo de discusión e para a través dela buscar unha maneira de apropiarse das estruturas e recursos do poder. “Estar baixo o hospicio dunha institución, neste caso o Instituto Superior de Arte, sérvenos para intervir na institución e sabotala desde dentro”, apuntou neste senso. O seu interese non é representar situacións políticas, senón crealas poñendo en práctica nas súas obras as mesmas estratexias usadas polos poderes públicos.
Os tres artistas presentes na mesa redonda xunto a Tania Bruguera amosaron exemplos das súas obras nesta liña. Todos eles teñen un nexo común, situar ao suxeito social como centro e empregar a realidade como material. Algunhas delas poderán verse a partir de mañá Sala X da Facultade de Belas Artes, dentro da exposición Trans-misións que forma parte da Bienal. Tania Bruguera volverá a intervir nas actividades paralelas ás mostras este sábado na Casa das Campás ás 17.00 horas, nun debate sobre performance e política xunto con Regina Galindo (Guatemala) e Priscilla Monge (Costa Rica).