DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ataque Escampe, protagonista do Concerto pola Lingua

Tarde de magosto e rock acústico para o alumnado do campus

50 quilos de castañas asáronse na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
S. Alcázar DUVI 12/11/2009

O arrecendo a castañas asadas inundou este xoves a Facultade de Filoloxía e Tradución con motivo da celebración anual do seu magosto e no que o alumnado estranxeiro do programa Erasmus tivo ocasión de achegarse a unha tradición propia do outono en Galicia, como foi o caso de Martina, Stephanie, Sonia e Alina, estudantes do centro procedentes de diversos países de Europa e América, que aprenderon xunto aos seus compañeiros algunhas tarefas propias deste festexo, como a elaboración da queimada e de conos de papel. “Levo facendo cornetes toda a tarde, encántame” comentou Alina, de Rumanía. “Eu probei as castañas e están boas. Agora teño ganas de probar o augardente, pero dixéronme que era moi forte” dixo Martina, de orixe polaca.
A cafetaría da facultade, organizadora do evento, repartiu uns cincuenta quilos de castañas acompañados de queimada que contaron co acompañamento do son das gaitas que amenizou a tarde.
Pola súa banda, a Delegación de Alumnos da Facultade de Filoloxía aproveitou esta ocasión para a recadar fondos destinados á viaxe de fin de curso coa cun mercadillo dedicado á venda de libros, empanada, doces, abelorios e bufandas. "Tanto a comida como a roupa que vendemos é artesanal, todo está feito por nós mesmos" declararon os alumnos do centro, que convidaron aos asistentes a achegarse ata o posto para ollar os produtos e degustar as castañas e o augardente propios deste festexo.

Rock de “serie B” no Vidal Bolaño

Pola súa banda a música indie e o rock acústico tamén soaron esta tarde no teatro Vidal Bolaño coa actuación de Ataque Escampe no Concerto pola Lingua, organizado polo sindicato estudiantil Comités e no que a agrupación presentou o seu último disco A grande evasión, publicado en maio deste mesmo ano.
Unha instrumentación sinxela acompañada de letras cargadas de retranca caracterizan a música desta banda compostelá nacida no 2001 no ámbito universitario. Álex, Miguel, Roi, Marco, Paq e Lois forman son os integrantes deste grupo, que definen a súa música como rock de "serie B", posto que ao comezo facían cancións cos poucos medios que tiñan á man. Dende o 2007 a banda comezou a despuntar no panorama musical galego, obtendo o galardón do concurso GZ Crea e o I Premio de canción de autor Utopía Son.
Esta agrupación traballa co selo discográfico A Regueifa Plataforma onde os seus fans poden descargar a súa discografía, posto que é un netlabel sen ánimo de lucro para difundir, distribuír e amosar a súa obra libremente a través da rede baixo licenza Copyleft de Creative Commons.