DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto europeo para a avaliación e xestión do esteiro do Miño vén de recibir unha axuda FEDER

TEAM-Miño fai balance e fixa próximas actuacións en Vila do Conde

A reunión celebrarase o 3 de outubro na localidade lusa

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 30/09/2011
Dende o 1 de xaneiro do 2011 e ata o 30 de xuño de 2013 a Universidade de Vigo liderará o proxecto Europeo Transferencia de ferramentas para a Avaliación, Ordenación, Xestión e Educación Ambiental en Esteiros, TEAM-Miño, financiado con 1.032.460 euros polo Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP). No programa participan sete institucións científico-técnicas (Instituto Español de Oceanografía, CETMAR, CIIMAR-Universidade de Porto, IPIMAR, Universidade de Aveiro e Universidade de Coimbra) e seis parceiros político-administrativos (Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Administração Regional Hidrográfica do Norte de Portugal, Augas de Galicia, Câmara Municipal de Vila do Conde, Câmara Municipal de Viana do Castelo, Mancomunidade de Consellos do Baixo Miño) de ambos países.

Baixo os lemas Dúas beiras, un único esteiro e Cambia adversidade por diversidade, o proxecto TEAM-Miño ten como obxectivo principal o establecemento de criterios científicos para a avaliación do estado ecolóxico das augas internacionais do río Miño e a transferencia dos resultados ás institucións públicas competentes, axentes sociais locais e a sociedade en xeral coa finalidade de colaborar na implantación da Directiva Marco da Auga. Así mesmo o proxecto pretende potenciar a participación cidadá na conservación dos ecosistemas acuáticos mediante a organización de actividades transfronteirizas de educación ambiental.

A raíz da concesión definitiva, a principios deste mes de setembro, dunha axuda FEDER, o consorcio reunirase o próximo 3 de outubro no Auditorio de Vila do Conde para debater os adiantos executados ata o momento, así como trazar un plan de actuación para o desenvolvemento das actividades nos próximos meses.

Máis información sobre o proxecto no espazo web www.team-minho.eu