DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano terá un carácter máis divulgativo

Teatro, cine e actuacións musicais encherán o campus na II Intercultural

As actividades prolongaranse durante todo o curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 05/11/2008

Actuacións musicais, teatro, cine, relatorios e moito máis, mestúranse na programación da II Intercultural. Con respecto á pasada edición “a diferenza fundamental é que vai haber moitos máis espectáculos, actividades e conferencias”, comentou Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, durante a presentación. A segunda diferenza do programa deste ano é a inclusión de actividades “cun perfil que teña significación para as titulacións que existen no campus”, engadiu o vicerreitor.
A II Intercultural encherá o campus, dende este xoves 6 de novembro e ata maio, de iniciativas culturais de todo tipo. A maioría das actuacións serán de carácter transversal, para o público en xeral, pero “outras irán orientadas cara as titulacións do campus o que non quere dicir que non poda asistir calquera persoa”, engadiu Gálvez.
Ao igual que o ano pasado esta iniciativa da Universidade de Vigo está organizada por Lois Pardo e Xavier Paz, e conta co financiamento da Deputación de Ourense “sen a cal este proxecto non se podería levar a cabo”, agradeceu Gálvez.
Con esta nova edición da Intercultural, “o campus amosa novamente a súa aposta firme pola cultura”, afirmou Gálvez, “algo que merecen tanto o campus como a cidade”, rematou o vicerreitor.

Un repaso ao programa

A Intercultural comeza este xoves 6 cunha actividade, segundo indicou Pardo, “de moito interese, non só para as titulacións de Turismo e Historia, senón para toda a cidadanía”. Esta primeira intervención chegará da man de Juan Ignacio Lasagabaste, coordinador do Plan Director de Restauración da Catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz, que falará da labor realizada para a mellora e conservación da catedral.
O 14 de novembro, dentro da Semana Europea da Ciencia, alumnos da Universidade ofrecerán a representación de Proof (Demostración) de David Auburn, dirixida, nesta ocasión, por profesores do Departamento de Matemáticas.
O director de cine José Luis Cuerda, chegará ao campus o día 19 para presentar nun coloquio o proceso de rodaxe da súa última película Los girasoles ciegos, que acaba de ser designada pola Academia Española de Cine para os Premios Oscar de Hollywood.
Unha mesa redonda sobre a violencia de xénero e a creación dun xulgado para esta finalidade na cidade, centrarán o debate que se celebrará o 21 de novembro. Este debate contará coa participación de diversos expertos na materia, entre outros, a profesora da Facultade de Dereito, Ana Garriga.
O 4 de decembro será a quenda dunha video-conferencia con tres ourensáns esparexidos por distintos puntos do planeta que falarán acerca da súa experiencia no resto do mundo e da súa opinión sobre a situación do ensino e a investigación nas universidades galegas na actualidade.
O grupo vigués Vigo Extreme atravesará, o día 10, o campus desde a súa entrada pola rúa Doutor Temes ata a Biblioteca Central facendo parkour, actividade que consiste en percorrer o ámbito urbano dun punto a outro pola liña máis recta salvando os distintos obstáculos que se atopan no camiño. Unha vez chegados a meta ofrecerán unha nova demostración con música do DJ ourensán Dak.
A Intercultural rematará este cuadrimestre, como non podía ser doutro xeito nestas datas, co concerto de Nadal o día 16. Nesta ocasión a actuación correrá a cargo de Lizgairo, un grupo que acaba de nacer e que esta formado por Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz.
Aínda que polo de agora só está preparada a programación do primeiro cuadrimestre, xa se está pechando o programa ata maio. Á volta dos exames comezarán de novo as actividades culturais e “na segunda parte do curso contaremos con artistas como Emilio Cao ou Manuel Rivas”, adiantou Lois Pardo.

Un ano de evolución

A Intercultural arrancaba o curso pasado cunha pregunta que se lle facía ao alumnado: que está a pasar fóra das aulas?O proxecto foi medrando e este ano decidiron “ter en conta as titulacións do campus de xeito, que ademais de lúdicas, as actividades teñan un perfil divulgativo”, destacou o organizador. Neste senso fíxose unha división na programación da Intercultural, durante o primeiro cuadrimestre terán lugar as actividades máis dirixidas ás titulacións, e na segunda metade do curso a programación terá un contido máis lúdico, “centrado no ámbito musical, na performance e nas artes escénicas”, engadiu Pardo.

Para consultar a programación da II Intercultural