DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúa a colaboración entre o campus de Ourense e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar

Teatro, coro e fútbol universitarios para animar o Nadal na prisión

As actividades comezarán este xoves coa representación da obra 'Un novo mundo feliz'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/12/2012

Este curso académico o campus de Ourense abriu unha liña de colaboración co Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar que se traduce na celebración na prisión ourensá de numerosas actividades vinculadas co eido universitario. Co gallo da celebración do Nadal, esta programación colle nestas datas un novo pulo e os vindeiros días os reclusos poderán gozar cunha representaciónda Aula de Treatro Universitariade, coa actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum e coa celebración dun partido de fútbol sala amizoso entre equipos das dúas institucións.

Tal e como destacaron recentemente María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Silvia Alonso, directora da prisión ourensá, o obxectivo desta colaboración é tender pontes entre a universidade e o cárcere de modo que as dúas partes se enriquezan da experiencia. Realizadas xa as primeiras accións conxuntas e ante o éxito obtido, as entidades decidiron seguir adiante coa iniciativa e pór en marcha un amplo abano de actividades culturais e deportivas que fagan máis levadeiras estas datas para os reclusos.

Moito que ver

A programación comezará o xoves 13 de decembro cunha representación da Aula de Teatro Universitaria e baixo a dirección de Fernando Dacosta no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Será ás 18.00 h e os asistentes poderán ver unha versión reducida da obra teatro Un novo mundo feliz, a última peza da compañía inspirada no coñecido libro de Aldous Huxley Un mundo feliz. As actividades continuará o día 18 de decembro, ás 18.30 horas, cunha actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense, que interpretará para a ocasión pezas do seu repertorio habitual, caracterizado por incluír pezas contemporáneas, e panxoliñas. Por último, o día 21 de decembro, ás 17.00 h, celebrarase un encontro de fútbol sala amizoso entre un equipo do campus de Ourense e outro do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.

Estas actividades darán continuidade ás celebradas anteriormente este curso e que consistiron na actuación do coro e do grupo de teatro do Programa para Maiores do campus de Ourense. Tamén chegaron á prisión ourensá as proxeccións do Ciclo Pensar o Cine e os postos dos Martes ConVida, que permitiron aos reclusos revisar os seus hábitos de vida e coñecer como facelos máis saudables. Ademais, esta vez no campus de Ourense, celebráronse as I Xornadas Multidisciplinares Universidade-Centro Penitenciario: Construíndo Pontes. Unha ampla programación que os seus promotores agardan teña continuidade o vindeiro ano con máis accións.