DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Matrícula aberta do 23 de febreiro ao 6 de marzo

Teatro, efectos especiais, habilidades comunicativas e música compoñen a oferta de obradoiros do segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 19/02/2009
A Vicerreitoría do campus vén de presentar a oferta de obradoiros para o segundo cuadrimestre. O adestramento das habilidades comunicativas, da intelixencia emocional e unha introdución aos efectos especiais de cine e televisión son as novidades da oferta neste cuadrimestre, que mantén propostas como a sonorización e gravación musical, a posta en escea de montaxes teatrais eo djembé. O programa destas sete propostas, de entre vinte e corenta horas de duración, desenvolverse ao longo dos próximos meses. Segundo as características de cada curso, os prezos oscilan entre os 40 e os 70 euros coa posibilidade dunha redución, do 50 por cento no caso dos alumnos bolseiros da Universidade e do 25 por cento para outros membros da comunidade universitaria. En definitiva, unha boa oportunidade para desenvolver novas habilidades como entremento ou como unha vía a novos camiños profesionais.
A representación de Os figurantes, de Sánches Finisterra, será o obxectivo do obradoiro de Posta en escena dunha montaxe teatral. O profesor e membro da compañía de teatro Ningures, Salvador del Río, explica que “se trata de trasladar a experiencia do teatro profesional ao universitario”. Os alumnos pasarán por todo o proceso que conleva a posta en marcha dunha obra atendendo a aspectos como a escenografía, a dirección ou o tratamento do texto pero “sobre todo formaranse na interpretación, na creación dun personaxe e a súa relación co público e entre os propios personaxes”, sinala. O resultado final do traballo poderá verse nalgunhas mostras que se realizarán nos tres campus da Universidade.
Os efectos especiais serán os protagonistas de dous dos obradoiros abertos neste segundo cuadrimestre, especialmente interesantes para o alumnado de Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Trátanse dos obradoiros de Efectos especiais de maquillaxe-modelado e moldes e Introdución aos efectos especiais, cine e tv, respectivamente, ambos impartidos por Ricardo Spencer. O primeiro pretende introducir ao alumnado na produción de efectos especiais de maquillaxe e ensinar técnicas de modelado. Segundo explica, “é unha vía de orientación profesional e non unha mera manualidade”. Así, ao remate do curso os alumnos realizan unha sesión fotográfica e organizan unha exposición para amosar os seus traballos. No caso dos efectos especiais de cine e televisión os estudantes “crearán un vídeo no que apliquen os efectos que eles mesmos crearon”.

Ritmos, comunicación e gravación musical

Para aqueles que teñan o ritmo metido no corpo, retomáse o curso de Djembé para adquirir unha visión máis ampla deste instrumento, que será descuberto por Jorge César Pérez Mestre.”Traballaremos primeiro os golpes básicos, despois o ritmo e logo xa chegaremos ás cancións, que serán tradicionais de Senegal”, explica. Como nota curiosa Pérez apunta que “a maioría do alumnado adoita ser feminino, porque as mulleres teñen máis ritmo” e anima a que os homes tamén participen desta actividade.
A oferta de obradoiros complétase con dúas ofertas para mellorar as técnicas de comunicación. En Adestrando as habilidades de comunicación os alumnos aprenderán a conducir situacións de conflicto mentres que o de Intelixencia emocional está orientado a desenvolver actitudes e habilidades para facilitar cambios de conducta. Estas dúas propostas, gratuítas para os voluntarios, foron impulsadas desde Extensión Universitaria para “axudar aos voluntarios no seu traballo, sobre todo, pensando en que entendan as posicións doutros colectivos, como os discapacitados ou as persoas en risco de exclusión”, explica o coordinador, Germán Muíños.
O abano de obradoiros complétase coa proposta de Javier F. Abreu sobre Sonorización e gravación musical. O material técnico da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación servirá os alumnos para adquirir os coñecementos básicos de Protools, o software empregado polos profesionais. O obxectivo do curso é, segundo explica o profesor “a sonorización dunha secuencia de vídeo e gravación dunha canción”. De anteriores edicións, Abreu sinala que a procedencia do alumnado é moi variada. “Asiste xente da propia facultade, pero tamén de Belas Artes, maxisterio musical, telecomunicacións ou incluso músicos que queren conseguir a mellor calidade para as gravacións feitas na casa”.

Matrícula ata o 6 de marzo

O período de matrícula abrirase o 23 de febreiro e pecharase o 6 de marzo. Os interesados nos obradoiros deberán facer o ingreso da matrícula en calquera sucursal de Caixanova e presentar o xustificante do pagamento, a ficha de inscrición e, de ser o caso, unha fotocopia da credencial de bolseiro no rexistro da EUET Forestal. En función da súa duración, a realización dos obradoiros será convalidada por un ou dous créditos.
Toda a información sobre horarios, prezos e prazas pode consultarse na web da Vicerreitoría.