DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teatro natural, directo e desestabilizador da man de Manuel Lourenzo

A Aula de Teatro Universitario do campus de Pontevedra puxo en escena a obra "Eclipses"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 27/04/2010

Baixo a dirección de Salvador del Río, a Aula de Teatro Universitario do campus de Pontevedra pechou este martes a programación da Miteu en Vigo, que será clausurada este mércores cun concerto do cantautor Mario de Mezapa. Neste derradeira sesión de teatro, o escenario do Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria foi converténdose nas diversas localizacións para a obra Eclipses, de Manuel Lourenzo, un autor cunha longa traxectoria nos escenarios e, sobre todo, na súa dramaturxia, que mereceu, entre outros, o Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997.
A través de pequenas pezas teatrais o público puido asistir a unha boa mostra de teatro directo, sen adornos nin distraccións, claro e natural. Eclipses, editado en 2006, é un traballo que recolle unha colección de tres historias, A Prea, Eclipses e Crónica funesta de Alemparte. Dende unha mirada irónica ao ambiente que envolve a escena comezando por Hamlet en A prea pasando polos Eclipses, breves apuntamentos sarcásticos sobre a vida social, artística e pública en diversos momentos da historia para rematar coa Crónica funesta de Alemparte, experiencias dos que cruzaron o río e sen embargo continúan no empeño de protagonizar todas as emocións humanas.

Mañá mércores baixa o pano

Mañá mércores baixa o pano da décimo segunda edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, no campus de Vigo e non o fai con teatro, senón co concerto do cantautor Mario de Mezapa. O artista hondureño ofrecerá unha ollada crúa pero honesta dunha realidade allea á cidade, pero nada no seo dos pobos, unha poesía que eses pobos entenden a aprecian. O seu espectáculo De Sucias, Caldejos y Cucuruchos comezará ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria.