DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda xornada da X Miteu en Pontevedra

O Teatro Principal ferveu coa representación da obra “A Ronda” de Artur Schnitzler

A peza, dirixida por Quico Cadaval, fala do desexo sexual e da hipocrisía da sociedade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 07/05/2008
Ana Terceiro Pontevedra
A décima edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario en Pontevedra segue sumando éxitos trala representación da obra A Ronda de Artur Schnitzler que tivo lugar no Teatro Principal da cidade. Baixo a dirección de Quico Cadaval, a compañía da USC – Lugo conseguiu levantar a un público que por retrasos técnicos esperou algo máis do previsto a que comezara o espectáculo. Sen embargo a espera mereceu a pena e o auditorio ferveu coa actualización dunha obra que, segundo explica Cadaval, “foi no ano do seu estreo un provocativo escándalo ben calculado á procura dun suceso comercial e artístico, o que nos levou a escollela como material de traballo para a aula da USC”, afirmou o director na presentación da peza.
Dez encontros sexuais encadeados como un colar é a liña argumental desta obra na que aparecen representados os personaxes típicos da época: unha prostituta, un soldado, unha criada, un fillo de papá, unha amiga de mamá, o seu esposo, unha amiguiña del, un artista bohemio, unha diva e un reseso aristócrata, personaxes nos que o amor e o sexo conxúganse de tal xeito que cada un busca ou recibe.
As dez vivencias enriquécense coas experiencias e contos escoitados polos actores e actrices de xeito que a montaxe final ten a base argumental de Schnitzler, pero está chea de incrustacións doutros textos de Wilde, Fonseca, Valle, Buarque, Cortés, Arreola, o cego do Vilares, Biscaia e Donnen.

As sesións teatrais continúan ata o venres

A X Miteu continuará a súa xira por Pontevedra con tres representacións máis da man das aulas de teatro das universidades de Vigo, Coruña e de Covilhâ (Portugal) que representarán as obras Top Girls de Caryl Churchill, Ubú Rei de Alfred Jarry e Posso Avancar? Pergunta O Cavalo, respectivamente. Todas elas terán lugar no Teatro Principal a partir das 20.30 horas e a entrada é de balde.