DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teatro sen adornos e nado dunha profunda vocación desestabilizadora

A Aula de Teatro do campus prepara a súa nova montaxe, "Eclipses" de Manuel Lourenzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 02/03/2010

“Teatro sen adornos, indirecto como a propia vida e nado dunha profunda vocación desestabilizadora”, así presenta a Aula de Teatro do campus a súa nova montaxe, Eclipses, de Manuel Lourenzo, unha colección de pequenas pezas teatrais que constitúen breves apuntamentos sarcásticos sobre a vida social, artística e pública en diversos momentos da historia. “Encontramos neste texto un material moi interesante para traballar co alumnado que dende a Universidade inicia un encontro co teatro”, indica o director, Salvador del Río.
Doce estudantes de Comunicación Audiovisual, Educación Infantil, Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas conforman o elenco. Apuran os ensaios co obxectivo de estrear a finais de abril e ter funcións nos festivais de teatro universitario de Pontevedra, Vigo, Ourense, Santiago, A Coruña e Oviedo.
Antes de comezar a traballar, á entrada do salón de actos de Ciencias Sociais e da Comunicación, o seu lugar de ensaio, discuten como cadrar a Aula cos novos horarios do segundo cuadrimestre. “No meu tempo o teatro era unha escusa para non ir a clase, pero agora parece que é ao revés”, bromea Del Río. O director é consciente da dificultade de compaxinar a universidade co teatro, pero lamenta que os cambios cuadrimestrais pisen unha actividade anual.
Logo de barallar as posibilidades e chegar a un primeiro acordo unha parte do grupo comeza a ensaiar con Santiago Cortegoso, que fai a función de axudante de dirección. Toca probar o vestiario, polo que os demais quedan con Sonia Rúa, que monta un camerino improvisado e desprega un nutrido fondo de armario.
A media de permanencia na Aula de Teatro é de dous ou tres anos, polo que os organizadores, a compañía Teatro de Ningures, asumen tamén ter que reciclarse continuamente e empezar cada curso case desde cero. Levan á fronte das aulas de teatro de Pontevedra e Vigo dende o curso 2000-01, pero xa dende 1999 imparten cursos na Universidade e encárganse da organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu).

Motivacións variadas

Asociamos o teatro coa liberdade, esa sensación de ser por un intre outra persoa, de crebar a rutina do cotiá ou de satisfacer as ansias de subversión. Estas e outras motivacións son as que moven aos estudantes a anotarse á Aula de Teatro do campus. “A min gústame o teatro desde sempre, desde neno interesoume esa xente que facía cousas que rompían coas normas sociais, os artistas de rúa, como os adultos poden romper os parámetros do que se supón que é o establecido e quería probalo”, comenta un deles, Óscar Tosar, que estuda Belas Artes e que leva catro anos facendo cursos e colaborando en grupos de teatro afeccionado. Cre tamén que o teatro pode mesturarse moito co traballo artístico. “As artes escénicas e as plásticas únense á hora de traballar as emocións e as sensacións e transmitilas noutros materiais”, explica.
No caso de Sara Abilleira a curiosidade estaba tamén latente dende había tempo. Iso levouna a presentarse ás probas da Escola de Arte Dramático e como non as pasou decidiu estudar Educación Infantil. “Unha vez aquí busquei algo relacionado co teatro e apunteime porque podía compaxinalo ben coas clases”, explica. Tivo a súa primeira experiencia coas artes escénicas na Aula de Teatro o curso pasado. Como foi positiva recuncou este e quizais o faga tamén o vindeiro. Cre, ademais, que lle pode ser moi útil para a súa carreira porque, explica, "Educación Infantil está moi baseada no teatro e nas clases hai moito de representación, pois mesmo para contar un conto hai que meterse no papel".
O achegamento de Sandra Souto á Aula ten un cariz máis práctico. Confesa que se apuntou polos créditos, pero recoñece que axiña se enganchou e por iso repite tamén este ano. Quería, así mesmo, vivir a experiencia completa da montaxe dunha obra, pois o ano pasado non participou na representación. Estuda Publicidade e Relacións Públicas e pensa que facer teatro é de moita axuda neste eido: "en clase facemos moitas exposicións e temos que estar sempre de cara ao público, serve moito para perder a vergoña, aprender a falar en público e a saber estar".

Formación humana

Tal e como explica Salvador del Río, o obxectivo da Aula de Teatro non é só formar ou estimular á xente para que logo se dedique profesionalmente á escena. Pode ocorrer que alguén descubra que é a súa vocación e que a partir de aí decida empezar un proceso de aprendizaxe, para o que o director lles recomenda acudir á escola de Vigo, pero ten claro que a súa meta non é crear canteira. “Un obxectivo que si ten a Aula de Teatro é que os alumnos da universidade teñan unha actividade extra, unha vía de escape dos estudos e dos problemas, algo distinto, que evidentemente lles proporcione créditos, pero que lles dea outro punto de vista”, afirma, para destacar que a súa función “é achegar unha formación teatral, pero tamén humana”.
Citar a importancia do traballo en grupo e de coñecer o papel e a responsabilidade de cadaquén dentro del. “Creo que no teatro tamén se ensina a escapar do individualismo do estudante, que está só nos seus estudos e na competencia diaria por ser o mellor, o que se traslada logo ao mundo laboral onde teñen que buscarse un oco”, conclúe.

Toma de contacto e creación de grupo

Todos os anos a Aula de Teatro estrutúrase dun xeito semellante, cun breve período inicial de toma de contacto, para abordar deseguido todo o proceso de montaxe dunha obra. “Hai unhas clases previas para a creación de grupo, a compenetración e a toma de contacto co teatro”, explica o director. “En función dos resultados deses exercicios iniciais buscamos un texto ou varios que se adapten a ese grupo e comezamos a traballalo” continúa.
Salvador del Río sinala que se trata de teatro afeccionado, posto que os actores non cobran polo que fan e xeralmente non teñen experiencia previa. Con todo, considera que tamén é profesional no sentido de que tanto a dirección, como o vestiario, a escenografía e o texto son profesionais, algo non habitual nunha compañía afeccionada. “Tratamos de que vivan un proceso creativo igual que se fai nunha compañía profesional e teñen a opción de colaborar tanto na parte técnica como na artística”, sinala ao respecto.
Para Sara Abilleira as primeiras clases serven para aprender a verse sobre un escenario, pero o máis estimulante é o traballo co guión. Algo semellante opina Sandra Souto, que atopa os comezos “máis aburridos porque cada día se fan exercicios diferentes para aprender a respirar, a vocalizar ou a controlar o espazo e todo isto resulta moi abstracto”. Ter un obxectivo máis concreto, como a montaxe dunha obra, motívaa máis.
Agora tócalles traballar a reo para manter o obxectivo e chegar a tempo para a estrea en abril.