DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras o éxito de edicións anteriores, Ensaiamos volve dar oportunidades a grupos emerxentes

O Teatro Vidal Bolaño será testemuña dos primeiros pasos dos grupos musicais universitarios

O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 07/10/2011
A falta dun local que cumpra uns requisitos mínimos para poder ensaiar e o elevado custo de material básico son os principais inconvenientes cos que se atopan moitos grupos de música emerxentes. Sendo conscientes deste problema e co fin de promover a cultura e fomentar as oportunidades entre o alumnado, a Universidade facilita, por sexto ano consecutivo, o Teatro Vidal Bolaño como espazo musical dentro do programa Ensaiamos. Tal e como indica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, “a iniciativa ten unha grande aceptación entre os estudantes xa que lles permite acceder ao uso dun espazo de ensaio, a un equipamento básico e a unha formación accesoria permanente”.

Equipamento e horarios de uso

O programa ensaiamos, promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, non só cede un espazo que se adecua ás necesidades das bandas, senón que aporta o material básico preciso para a actividade. Deste xeito, os estudantes tan só teñen que achegar os seus instrumentos musicais, excepto a batería, ademais das baquetas e cables que precisen.

O equipamento que se facilita componse dunha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de dez canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes e cableado básico. As bandas tan só A maiores, o servizo tamén inclúe a apertura e peche do local no horario acordado e a montaxe e desmontaxe do equipamento dispoñible. Tamén existe a posibilidade de usar un espazo web de comunicación para a promoción das bandas, dando a coñecer as súas actividades e difundindo publicamente as súas carteleiras. Así mesmo, “no caso de que a calidade e evolución dos grupos así o aconselle, celebrarase un concerto final para dar a coñecer o traballo realizado polas bandas ao longo do ano”, indica Caride.

Respecto ao uso das instalacións, estas estarán dispoñibles os luns e venres dende as 12.00 h ata as 21.00 h e os martes de 12.00 h a 20.00 h. Cada grupo poderá usar a sala ata tres horas á semana, aínda que os horarios definitivos fixaranse o día 14 de outubro as 11.00 h no edificio Miralles, nunha xuntanza conxunta de asistencia obrigatoria.

Requisitos da convocatoria

Os interesados terán que entregar, antes do día 11 de outubro, a solicitude de inscrición nas oficinas de Extensión Universitaria no Edificio Miralles. No caso dos grupos de ata tres integrantes, polo menos un dos compoñentes terá que ser estudante na Universidade, sendo precisos dous alumnos se o grupo o conforman catro ou máis persoas. En calquera caso, cada grupo musical terá que definir a unha persoa como responsable que actuará como portavoz e nexo cos coordinadores do servizo, ademais de velar polo cumprimento das normas que se establezan.