DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu unha Xornada Técnica sobre Igualdade de Trato e non Discriminación

Tecer sociedade para loitar contra a marxinación

É a sexta sesión autonómica do proxecto estatal Todoimás

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/11/2011
Por discapacidade, xénero, idade, orientación sexual, identidade de xénero, orixe racial ou étnica, enfermidade ou crenzas relixiosas. Son en termos xerais as posibles causas de discriminacións que pode sufrir unha persoa ou colectivo e contra as que o proxecto da Secretaría de Estado de Igualdade Todoimás quere loitar “tecendo sociedade”, implicando a todos os axentes no reto de crear un sistema máis democrático. Este mércores o campus de Ourense acolleu a sexta xornada autonómica do proxecto coa esperanza de dar un paso máis adiante na igualdade en todos os eidos.

“Cando falamos de igualdade non falamos dun asunto de minorías, falamos de algo que afecta ao conxunto da sociedade. É unha loita de todos, non só das institucións”, destacou Laura Seara, secretaria de Estado de Igualdade durante a clausura desta Xornada Técnica sobre Igualdade de Trato e non Discriminación, na que estivo acompañada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. Seara quixo salientar a importancia de “seguir tecendo sociedade para facer un país máis forte e digno” e apuntou a utilidade de encontros coma este para avanzar nese camiño.

Durante a súa intervención, a secretaria de Estado de Igualdade fixo fincapé en que acadar a non discriminación é unha cuestión de xustiza social pero tamén de eficiencia e desenvolvemento. “A discriminación non xerou un só posto de traballo, nos priva de aproveitar o potencial das persoas, o seu talento e capacidades”, dixo. Unha visión compartida por Cristina Saucedo, directora xeral para a Igualdade no Emprego e contra a Discriminación, que advertiu que “o respecto mutuo é un dos máis importantes activos dunha sociedade”.

Suma de realidades

Saucedo salientou que na sociedade “convive aínda o desprezo ao diferente” cando debería ser “unha suma de realidades diversas pero iguais en dereito”. Por este motivo, destacou a importancia fundamental de desenvolver políticas de igualdade e sobre todo a relevancia de que as administracións públicas, organizacións empresariais e todo tipo de entidades “nos unamos na busca de solucións ao trato discriminatorio”.

Neste camiño cara un futuro mellor, os organizadores da xornada salientaron o papel do proxecto Todoimás, que busca promover mediante a organización dunha serie de seminarios en diferentes puntos da xeografía española a participación de todas as institucións públicas e organizacións sociais que traballan no ámbito da igualdade de trato e non discriminación ou que representan a grupos que son marxinados por razón de discapacidade, xénero, idade, orientación sexual e identidade de xénero, orixe racial ou étnica, enfermidade ou crenzas relixiosas.