DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A “quedada” está organizada por alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática

A Technium Lan Party 2013 arranca con máis de 150 participantes

Os asistentes compartirán xogos, torneos, conferencias e a súa paixón pola tecnoloxía

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 12/04/2013
Con seus ordenadores, videoconsolas e todo tipo de aparellos tecnolóxicos consigo, os inscritos na Technium Lan Party 2013 comezaron xa este venres a chegar ao Pavillón de Deportes do campus de Ourense para participar durante a fin de semana na Technium Lan Party 2013. Desde as 13.00 h do venres ata ás 20.00 h do domingo máis de 150 amantes das novas tecnoloxías compartirán xogos, torneos, conferencias, convivencia e sobre todo a súa paixón pola vida online e as ferramentas que a sustentan. “Estamos moi satisfeitos porque entre os inscritos non só están estudantes de Ourense, senón tamén de diferentes puntos da xeografía galega e estatal”, apuntou Edgar Ruíz en nome da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática ASEII que organiza o evento.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática foron as encargadas de inaugurar este venres a cita, que nace da reformulación da “quedada informática” que se viña realizando nos últimos anos no campus baixo o nome de Scul Party. "A Technium dá continuidade a esa actividade e é una oportunidade fantástica para que os nosos estudantes compartan convivencia e coñecementos entre eles e con persoas doutras universidades", salientou María Lameiras durante a visita ao Pavillón. “Este tipo de iniciativas son moi interesantes porque atraen xente de fóra e porque dinamizan a vida na escola e no campus. Por este motivo, felicitamos especialmente aos organizadores por conseguir celebrar esta cita”, destacou Ana Garriga.

55 horas seguidas

Durante as 55 horas que durará a “quedada” as persoas inscritas terán a oportunidade de participar en concursos, entre os que destacan os de lanzamento de CD, de fotografía, de programación, de Minecraft, de Overclock e de diseño 2D. Tamén se celebrarán torneos de Magic: The Gathering; de Team Fortress 2; de League of Legends, de TrackManía United; de Poker; de Counter Strike: Global Offensive e de Age of Empires 2, entre outros. Como novidade respecto a anteriores eventos deste tipo, a cita tamén inclúe a celebración de varias conferencias. Entre as charlas que se celebrarán estarán unha conferencia de Nuno Troitiño titulada Hackeando o Sistema Operativo Humano, sobre o compoñente humano nas novas tecnoloxías, e unha introdución á programación con Android, na que os participantes verán de forma práctica como crear aplicacións para este sistema coa linguaxe de programación Java.

Alén da infraestrutura tecnolóxica precisa, como unha conexión de 100 Mb simétricos e unha LAN completamente a Xigabit, durante os días de celebración as persoas inscritas terán sitios habilitados para descansar cos seus sacos de durmir e duchas á súa disposición. O prezo para as persoas que queiran achegarse é de dez euros para toda a fin de semana e de tres euros para un só día.