DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo G4plus e a Deputación de Pontevedra poñen en marcha o Foro de Iniciativas Locais

O tecido local busca inspiración na cultura do emprendemento

Impulsan á cidadanía a detectar as potencialidades de negocio no seu propio territorio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 05/11/2012

Cada territorio posúe unhas certas características que o diferencian dos demais, uns elementos diferenciadores que o identifican e que son susceptibles de xerar fortalezas e oportunidades no lugar. Conscientes de que os habitantes da zona son os que mellor coñecen as potencialidades da contorna, o grupo de investigación G4plus dirixido por Pedro Figueroa e a Deputación de Pontevedra organizan un Foro de Iniciativas Locais, co obxectivo de crear unha plataforma de dinamización “na que sexan os propios cidadáns quen ofrezan ideas e ámbitos de actuación nos que cren que as administracións deben indicir”, explica o profesor Pedro Figueroa. O foro celebrarase en varias localidades de entre 13.000 e 40.000 habitantes da provincia pontevedresa, analizando os recursos e capacidades dispoñibles en cada caso. A primeira parada será no concello de Cambados este venres 9 de novembro.

O grupo G4plus, cunha dilatada experiencia no eido do desenvolvemento estratéxico e da innovación tecnolóxica, xoga un papel “importante” na organización destas xornadas, pois, para a celebración de cada foro, os investigadores do equipo de Pedro Figueroa elaboraron informes previos nos que se recollen os recursos e capacidades de cada área, “de grande utilidade para enfocar as xornadas e para identificar as posibles ideas e potencialidades de cada localidade”, engade o investigador principal do grupo, que tamén se encargará de elaborar un documento final coas conclusións de cada encontro.

Un modelo de colaboración entre Universidade, administracións e empresas

Ademais de converterse nun exemplo de transferencia de coñecemento, os organizadores pretenden que a iniciativa poña en relación Universidade, administracións locais e empresas “para contribuír a mellorar a competitividade e a dinamizar o tecido local da provincia”. Os axentes implicados buscan dar “unha resposta coordinada e coherente”, unha actuación eficiente que busca explotar as sinerxías creadas “aforrando recursos e tempos e maximizando os resultados sobre todo nunha época como a actual”.

As xornadas buscan achegar a sabedoría e a experiencia da cidadanía á administración “de tal xeito que os primeiros ofrezan unha resposta á pregunta de como o sector público pode axudarlle a levar a cabo as súas ideas”, subliña o investigador que advirte que en moitas ocasións os elementos endóxenos non son vistos como fortalezas polos propios habitantes do territorio. “Así, tamén buscamos pór en valor estes recursos identificando cales son as potencialidades claves de cada zona o que sen dúbida reverterá na xeración de emprego”.

Primeira parada, este venres en Cambados

A primeira das sesións deste Foro de Iniciativas Locais terá lugar este venres 9 de novembro en Cambados, para trasladarse a finais de mes ao concello de Nigrán. “Este encontro completaranse coa celebración doutras pola provincia de Pontevedra”, adianta Figueroa. O evento está aberto a todo o público “sobre todo a aquelas persoas que teñan ganas de levar adiante a súa propia iniciativa”, ademais de buscar a asistencia do alumnado universitario da zona “xa que son futuros creadores de emprego” e de representantes do tecido empresarial “pois poden achegar ideas dende a experiencia”.