DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A técnica do dicroísmo circular protagonizou a primeira xornada do obradoiro SpecBioTools

Nina Berova trasladou a súa experiencia aos estudantes de doutoramento da Facultade de Química da Un

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 17/12/2009

As técnicas espectroscópicas avanzadas baseadas no estudo da luz polarizada, como o dicroísmo circular e a dispersión óptica rotatoria (DOR), e as súas aplicacións marcaron a pauta dos relatorios impartidos este xoves no obradoiro SpecBioTools, inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago. Tras dar a benvida aos asistentes, na súa maioría pertencentes á comunidade científica, investigadores e estudantes de doutoramento da Universidade, o reitor deu paso á presentación da primeira poñente, Nina Berova, profesora do Departamento de Química da Universidade de Columbia. A investigadora leva dedicando catro décadas da súa actividade académica a promover a estereoquímica orgánica e a espectroscopía quiróptica, baseada no discroísmo circular, achegando numerosas propostas teóricas e experimentais reflexadas en varias publicacións. Magdalena Cid, organizadora do evento xunto con outros compañeiros do Departamento de Química Orgánica da Universidade, destacou a importancia de contar con personalidades tan relevantes do eido científico como é Berova, especialmente para os estudantes, que poden aprender da súa experiencia.

O dicroísmo circular, método protagonista da primeira xornada

As sesións deron comezo con Berova, que presentou o seu relatorio sobre o dicroísmo circular, a técnica preferida para determinar as configuracións absolutas dun gran número de compostos, tanto de orixe sintética coma natural. Berova iniciou a súa intervención cunha charla tutorial na que definiu o concepto de quiralidade para despois facer un repaso histórico na evolución desta técnica e introducir aos estudantes de doutoramento da Facultade de Química da Universidade nesta temática. Pola súa banda, Ana Petrovic, procedente da mesma universidade que Berova, expuxo os principios e ámbitos de aplicación no dicroísmo circular durante a súa intervención. O estudo desta técnica xunto coa dispersión óptica rotatoria (DOR), son métodos avanzados con respecto a outras técnicas empregadas ata o de agora posto que proporcionan gran cantidade de información sobre moléculas quirais dunha forma máis rápida e proporcionando un maior grao de aplicabilidade en moi variadas disciplinas científicas. Pola contra, a complexidade teórica e a necesidade de empregar máis instrumentos son as principais desvantaxes destas técnicas fronte a espectroscopía de absorción. Por outra banda, Eva Muñoz, da USC, fixo a súa particular achega á investigación biomolecular aplicando a tecnoloxía de resonancia de plasmones de superficie (SPR), un método de monitorización de interaccións biomoleculares que permite caracterizar simultaneamente superficies gasosas e líquidas permitindo comprobar a súa calidade.

A técnica RNM e o premio a Berova baixan o pano de SpecBioTools

A derradeira xornada, que terá lugar o vindeiro venres, estará marcada pola presenza nos relatorios da técnica da resonancia magnética nuclear (RNM), destacando a intervención de João Rocha, director do Centro de Investigación de Cerámica e Materiais Compostos de Aveiro (CICECO), que falará desta técnica no seu estado sólido orientando a súa aplicación aos medios audiovisuais. Así mesmo, Berova realizará unha nova intervención na que exporá o seu traballo sobre os sensores quirais da porfirina e a súa aplicación en estudos estruturais de produtos naturais e biopolímeros. Como acto de clausura, a Universidade de Vigo quere recoñecer a aportación de Berova ao eido científico premiando o seu afán investigador. Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, entregaralle o merecido galardón pola súa exitosa carreira dedicada á química este venres.