DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Día Mundial da Parada Cardíaca a comunidade universitaria formouse en RPC

Técnicas que salvan vidas, ao alcance de calquera persoa

Profesionais do Álvaro Cunqueiro impartiron os obradoiros en tres centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 16/10/2018

A morte súbita é responsable cada ano en Europa e 300.000 falecementos, 30.000 no  caso de España e 300 no de Vigo. “É unha barbaridade. Claro que son menos mortes que as provocadas pola gripe, a pneumonía ou a infección de ouriña, pero a gripe non ten a mortantade da morte súbita, que é unha patoloxía, que aínda que infrecuente, ten unha mortalidade moi elevada”, explica Eduardo Murias, doutor de medicina intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro. Murias, xunto a unha ducia de médicos e enfermeiras, impartiu este mediodía en tres centros do campus vigués un obradoiro teórico e práctico, dirixido aos membros da comunidade universitaria, centrado nas técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP).

Os obradoiros, desenvolvidos nas escolas de enxeñaría de Telecomunicación, de Minas e Enerxía e no Edificio de Ciencias Experimentais, desenvolvéronse este martes por primeira vez na universidade, en colaboración co Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de concienciar a alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos sobre a importancia de coñecer as técnicas de reanimación cardiopulmonar para poder aplicalas en caso dunha morte súbita. “Saber dar unha masaxe cardíaca e coller un teléfono e avisar unha ambulancia, iso ten que saber facelo todo o mundo, igual que saber facer unha tortilla francesa”, asegura Murias, que lembra que cunha masaxe cardíaca é posible aguantar unha persoa que sufriu unha morte súbita entre 5 ou 10 minutos. 

Un sinxelo procedemento que todas as persoas deberían coñecer

Fronte a algúns países do norte de Europa, como Dinamarca, ou nos EEUU, onde en 33 dos seus estados o soporte vital básico é unha materia que as e os nenos teñen incluída na súa formación académica, en España, Eduardo Murias lembra que a masaxe cardíaca forma parte da materia de educación física, “pero a súa implementación é moi variada e hai docentes que si a ensinan e outros que non”.

Nun intento de achegar os coñecementos básicos da RCP á poboación, as e os profesionais do Álvaro Cunqueiro levan varios anos impartindo obradoiros “para que a poboación saiba detectar unha parada e facer unha masaxe cardíaca, unha técnica moi sinxela, na que a única dificultade é que te cansas, por iso que o ideal sería que haxa varios reanimadores que cambien cada minuto e así poder ofrecer unha masaxe de calidade”, explica o doutor. Murias lembra que a morte súbita por arritmia afecta a persoas que están ben e de súpeto colapsan “e isto, con masaxe cardíaca e coa desfibrilación pódese solucionar”, explica o facultativo, que lembra que a RCP tamén é aplicable, aínda que co engadido da respiración boca a boca desde un principio, en episodios de afogamento ou intoxicación por fume.