DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro deu comezo este mércores no hotel Ciudad de Vigo

As técnicas de selección e análise xenómica centran a XV Reunión Nacional de Mellora Xenética Animal

Expertos na materia discutiron sobre os avances e resultados obtidos neste campo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 16/06/2010

Aumentar a produción de leite e ovos dos animais e seleccionar as características positivas dos exemplares e descartar as negativas para a creación dunha especie mellorada son algúns dos máis recentes avances acadados grazas ás novas técnicas de análise e selección xenómica coa axuda de marcadores.
Precisamente estes adiantos científicos constitúen o foco de atención das comunicacións presentadas por expertos internacionais neste campo na XV Reunión Nacional de Mellora Xenética Animal, que deu comezo este mércores no hotel Ciudad de Vigo.
Durante o discurso inaugural, o profesor da Universidade de Vigo e organizador do encontro, Armando Caballero, animou aos asistentes a fomentar a discusión dos avances e resultados obtidos nesta materia e a súa aplicación.
Juan Pablo Gutiérrez, profesor da Universidade Complutense de Madrid e especialista en mellora xenética animal, foi o encargado de iniciar os relatorios cunha exposición dos resultados obtidos nas súas investigacións. A primeira delas centrouse na variabilidade do peso ao nacemento dos ratos e a segunda na selección dos caracteres subxectivos de comportamento no toro de lidia da ganadería de Juan Pedro Domecq, baseados na combinación equitativa de bravura e toreabilidad.
A continuación, o doutor Jesús Fernández, do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) afondou no emprego de diferentes fontes de información, entre as que salientou a xenealoxía, o marcadores moleculares e os fenotipos, para a recuperación en xestión xenética dunha raza de porco dourado cunha estrutura xenética diferente ao resto da especie porcina.
Finalmente, como clausura das contribucións orais, a doutora do INIA, Beatriz Villanueva, expuxo os resultados obtidos no desenvolvemento dun indicador para medir o estado de diversidad xenética de 95 razas autóctonas do Reino Unido de gando ovino e vacuno, especialmente sensible para as razas con risco de extinción.

O comportamento agresivo do porco, a estudo

A selección xenómica tamén permite acadar novos obxectivos na selección de caracteres, o que abre grandes posibilidades para o futuro da mellora xenética animal e supón cambios importantes neste campo. Sobre esta temática afondou o profesor do Instituto Rosling (Inglaterra), Ricardo Pong-Wong, que como conferenciante invitado impartiu un relatorio centrado na disección da variación xenética responsable do comportamento agresivo en porcos. Para o seu estudo, Pong-Wong emprega datos do polimorfismo nucleótido simple (SNP), unha variación na secuencia de ADN que afecta a unha sola base dunha secuencia do xenoma.
O obxectivo do estudo exposto por Pong-Wong céntrase na análise da arquitectura xenética do porco para atopar e illar as rexións do xenoma asociadas ao comportamento agresivo do animal, posto que repercute de forma negativa na súa produción comercial, diminuíndo a ganancia de peso e a calidade da carne dos exemplares que non son mansos. Durante a súa intervención, o profesor do Instituto Rosling amosou que tales comportamentos poderían ser xeneticamente controlados grazas á cría selectiva de porcos, de forma que non herden unha variación xenética con predisposición agresiva co uso de marcadores xenéticos.

Sesión de paneis

Na segunda metade da xornada expuxéronse un total de nove paneis nos que se plasman de forma gráfica os resultados dos estudos de diferentes grupos de investigación, entre os que se atopa o grupo de Xenética de Poblacións e Citoxenética da Universidade.
O panel presentado por Armando Caballero e Silvia T. Rodríguez-Romilo resume as súas principais liñas de investigación, centradas na conservación de recursos xenéticos das especies domésticas. “Un traballo de carácter teórico no que expoñemos unha nova forma de analizar a variación xenética, o que permite establecer prioridades entre distintas razas” apunta Caballero.
Por outra banda, no panel exposto por Antonio Carvajal-Rodríguez, tamén membro do grupo de investigación da Universidade, amósase un programa simulador de xenomas e marcadores xenéticos que permite coñecer as supostas variacións que se obterían con diferentes circunstancias e valores, “permitindo aos investigadores predicir resultados combinando os datos reais dos seus estudos” explica Caballero.

Programación do encontro

Andrés Legarra, membro do organismo francés INRA-SAGA, será o encargado de inaugurar a segunda xornada cun relatorio sobre a selección xenómica orientada á mellora empregando técnicas de estimación baseadas na estatística bayesiana. A continuación, varios relatores exporán os seus estudos sobre xenética animal para dar paso a unha mesa redonda titulada Aplicacións da xenómica na mellora xenética e conservación dos recursos xenéticos animais, “un recurso centrado no estudo completo do xenoma, baseado na busca de marcadores e as súa aplicacións que na actualidade está moi de moda” afirma Caballero.
Na derradeira xornada, a catedrática da Universidade Complutense de Madrid, Aurora García-Dorado, impartirá un relatorio sobre as consecuencias da seleccións sobre a depresión consanguínea.