DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinados polo grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo

Tecnólogos e pedagogos traballan xuntos na posta en marcha dunha rede galega sobre e-learning

Ilustrará a docentes de Primaria e Secundaria sobre como sacarlle o máximo partido aos recursos disp

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 22/10/2012
Achegar ideas, guías de boas prácticas e recursos innovadores e de calidade, este é o obxectivo co que nace TELGalicia, unha rede de investigación adaptada ao contexto particular galego na que se agrupa a profesionais e grupos de investigación do Sistema Universitario Galego e do CESGA que están traballando no desenvolvemento das TICs aplicadas ao ensino e á aprendizaxe. O obxectivo é contribuír a mellorar o ensino e a aprendizaxe a través da innovación ou, dito doutro xeito, aprender a sacarlle o máximo partido a múltiples tecnoloxías que xa están presentes en moitas aulas e que van dende os taboleiros dixitais, ata as tablets e smartphones.

A rede, coordinada polo grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, GIST, da Universidade de Vigo, celebrou este luns un primeiro encontro de traballo no que participaron de forma presencial os representantes dos seis grupos do SUG participantes -tres da Universidade de Vigo e tres da Universidade de Santiago de Compostela-, xunto con representantes do grupo de e-learning do CESGA que o fixo por videoconferencia.

Para por en marcha o proxecto recibiron xa unha axuda de 120.000 euros con cargo ao recentemente resolto programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitiva da Xunta de Galicia na modalidade de redes de investigación.

A rede prevé a realización de experiencias piloto

“Programas como Abalar demostran o interese que existe na nosa comunidade por estas tecnoloxías”, subliñou ao inicio da reunión o profesor Manuel Caeiro, membro de GIST e un dos principais impulsores da posta en marcha da rede. Trátase, ao seu xuízo, de axudar a mellorar a transferencia do “know how” que posúen os grupos para os docentes e as escolas, ó tempo que se permita afondar na investigación das tecnoloxías con usuarios reais.

Entre outros aspectos os membros da rede sinalan como prioritario a creación dun repositorio con actividades educativas innovadoras, con exemplos e guías de boas prácticas sobre a utilización de sistemas TICs, a realización de experiencias pilotos e seminarios con docentes e alumnado nos que se analicen os problemas e os puntos de vista dos profesores. Na mesma liña contemplan tamén a elaboración dun marco de competencias sobre a aplicación das TICs na docencia e dun itinerario formativo para os docentes, así como a definición de sistemas informáticos de recomendación.

Adaptación galega doutras experiencias nacionais e internacionais

Para acadar os seus obxetivos TELGalicia proponse como unha aplicación ao contexto particular galego dos recursos propostos noutras redes e a nivel nacional e internacional en consorcios nos que os grupos promotores da rede participan -TELSpain (www.telspain.es) e TELEurope (www.teleurope.eu)- e, ademais, contan tamén coa colaboración e apoio de grupos de investigación de fóra de Galicia moi relevantes nesta temática e cos que os grupos promotores de TELGalicia xa teñen tido colaboracións previas.

Os grupos promotores da rede, contan cunha experiencia ampla no desenvolvemento de proxectos de e-learning, ben desde o punto de vista tecnolóxico, como é o caso de GIST, ben desde unha visión moito máis pedagóxica. “Algúns dos grupos teñen centrado os seus esforzos no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas, mentres que os outros ocúpanse principalmente de trasladar á práctica docente ditas tecnoloxías buscando un acoplamento axeitado coa pedagoxía”, explica o profesor Caeiro.

“Aforrar e potenciar os recursos que temos”

TELGalicia está promovida por seis grupos do SUG, dos cales 3 están máis orientados ás TICS e outros tres máis á pedagoxía, o grupo de e-learning do CESGA, outros tres grupos españois e outros catro grupos europeos, entre os que cabe destacar a European Schoolnet na que se agrupan 30 Ministerios de Educación de outros tantos países europeos, ou o grupo do prestixioso experto en e-learning Erik Duval.

Desde a Universidade de Vigo forman parte desta rede, ademais do GIST, que coordina o proxecto, os grupos de Comunicación Persuasiva e o grupo COLE, dedicado á recuperación automática de información e a adquisición automática de coñecemento. “Nós achegamos o punto de vista máis pedagóxico e educativo nunha rede que é moi interdisciplinar”, subliña a profesora Antonia Blanco do grupo de Comunicación Persuasiva e vicerreitora do campus de Pontevedra, que fixo fincapé na importancia de “testar o que hai e sacar conclusións que nos permitan, entre outras cousas, aforrar e potenciar os recursos que temos”.