DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e Estremadura deseñan un nanolink que revolucionará os circuítos integrados

Tecnoloxía do grosor dun cabelo para acabar cos problemas de conexión e quecemento dos nanochips

Usaron os supercomputadores FinisTerrae e Lusitania para facer cálculos e esbozar os compoñentes do

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 31/01/2013

Comunicación inalámbrica de alta calidade. Iso é o que se consegue co nanolink deseñado por investigadores das universidades de Vigo e Estremadura, un enlace de feixes directivos con nanoantenas chamado a revolucionar os prototipos de nanochips. Os actuais modelos destes chips microscópicos empregan unhas guías de silicio ou plasmónicas para a transmisión de datos a gran velocidade mediante fatos de luz que ocupan moito espazo, teñen grandes perdas de enerxía e desprenden unha gran cantidade de calor que require mecanismos de disipación. Os novos circuítos integrados ópticos deseñados por membros do grupo HEMCUVE abren as portas ao deseño de nanochips non só sen problemas de quecemento, senón tamén dun tamaño moito máis reducido. “É unha transmisión de alta frecuencia con electrónica de moi baixa dimensión, xa que a comunicación inalámbrica permite facer nanochips do grosor dun cabelo humano”, explica Luis Landesa, catedrático da Universidade de Estremadura, doutorado en Vigo e un dos investigadores dun grupo completado polos investigadores vigueses Diego M. Solís e o catedrático de Tecnoloxías das Comunicacións Fernando Obelleiro e co estremeño José M. Taboada.

Trátase dun novo concepto chamado a converterse nun dos factores de innovación que revolucione a comunicación óptica tras dominar durante décadas a telecomunicación en radiofrecuencia e microondas. “Nos circuítos integrados habituais require dunha potencia desorbitada, porque o enlace físico é todo perda e pouca transmisión. Se queremos facer as cousas máis rápidas temos que botar man de velocidades ópticas”, subliña Landesa.

Desafíos dos novos prototipos

Un campo que “non é sinxelo” de abordar, xa que “todo o que coñecemos ata o de agora non funciona” e hai que buscar un novo dispositivo que permita unha “transmisión alta de calidade e perdas reducidas”. O principal reto ao que se enfrontan os investigadores, xunto coas dificultades tecnolóxicas que implica a súa fabricación, é conseguir corrixir ou adaptar o comportamento electromagnético plasmónico que teñen os nanomateriais cando interactúan coa luz.

Para poder facer os cálculos axeitados, os investigadores empregaron o HEMCUVE++, unha ferramenta na que as universidades de Vigo e Estremadura levan traballando máis de 13 anos e que combina unha elevada exactitude nas contas co emprego eficiente de grandes supercomputadores. Nesta ocasión, o grupo utilizou para o deseño dos distintos compoñentes do nanoenlace óptico o FinisTerrae, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e o Lusitania, do Centro Estremeño de Investigación, Innovación Tecnolóxica e Supercomputación (CénitS).

Recoñecemento internacional

O traballo desenvolvido polo HEMCUVE acaba de ser publicado na prestixiosa revista internacional Optics Express, da Optical Society of America. Un recoñecemento internacional que leva aos investigadores vigueses Fernando Obelleiro e Diego Solis a estar desenvolvendo nestes intres estadías de longa duración en Boston e Ohio, respectivamente. O proxecto está financiado polo Plan Nacional de I+D, por Fondos FEDER, polo CONSOLIDER TERASENSE e o goberno de Estremadura.

O HEMCUVE++ é o resultado dun proceso de desenvolvemento continuado dun equipo investigador que dende 1999 traballa de forma coordinada no desenvolvemento de sistemas que permitan abordar mediante cálculos en superordenadores estudos de compatibilidade electromagnética para detectar interferencias entre antenas, predicir niveis de radiación perigosa, estudar a superficie equivalente radar ou deseñar capas de invisibilidade.