DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha ferramenta desenvolvida polo grupo GTI en colaboración coa Garda Civil e Gradiant

A tecnoloxía punteira de VICUS desperta o interese do FBI

O sistema amosou a súa eficacia na detección e intercambio de contidos pedófilos en Internet

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/11/2010

A efectividade e precisión da ferramenta de detección de arquivos pedófilos en internet, VICUS, despertou xa o interese FBI. Este sistema, elaborado polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo en colaboración coa Garda Civil e Gradiant, estreouse no mes de setembro na Operación Telémaco que permitiu a detención de 13 persoas e a imputación de outras 6 en todo o territorio nacional. Segundo explicou o investigador principal do GTI, Juan Carlos Burguillo, na presentación de VICUS ante os medios de comunicación, trátase dun sistema con dúas vantaxes claras fronte aos seus antecesores, "a facilidade do seu uso, que non require de coñecementos específicos de informática" e a eliminación e falsos positivos. Para o Gonzalo Sotelo, do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil, "a criminalización social destes delitos é moi elevada", polo que é de vital importancia reducir a marxe de erro. Para isto, VICUS filtra aos usuarios que teñan no seu poder un mínimo de 15 arquivos de contido pedófilo e os intercambien en redes peer-to-peer, P2P.

A ferramenta permite ademais a busca e localización a nivel mundial, aínda que a Garda Civil só pode actuar no caso de usuarios españois. De aí xorde o interese o FBI, ao que os investigadores puxeron en coñecemento dos datos obtidos relativos a EEUU.

20 os detidos e 13 os imputados en dous meses

Tras dous anos de traballo conxunto entre o grupo GTI da Universidade e o Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, EDITE, coa posterior incorporación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, VICUS estreouse oficialmente en setembro na Operación Telémaco. Segundo Gonzalo Sotelo, dos arredor 43.000 usuarios de todo o mundo analizados, 1185 "compartían polo menos 15 arquivos de contido pedófilo, 49 deles en España”. A investigación serviu tamén para localizar gran cantidade de cámaras fotográficas e de vídeo, teleobxectivos, discos duros, etc. pendentes de estudo e análise forense.

Sobre os arquivos detectados, dende o EDITE, José Torres, resalta a súa “extremada dureza” e destaca que grazas á nova plataforma e tras unha nova operación levada a cabo en Badaxoz, son xa 20 os detidos e 13 os imputados. Con todo, Torres explica que as investigacións se poñen en marcha en base aos contidos que a Garda Civil ten detectados grazas ás denuncias de usuarios que os descargan por erro. A partir desta base de datos, estúdanse os movementos de intercambio localizando novos usuarios e esta base crece a medida que os cidadáns denuncian este tipo de contidos “e recibimos denuncias todos os días”. VICUS vén a mellorar así a ferramenta empregada ara agora polo instituto armado e prevese unha nova operación que se desenvolverá dende Madrid, cidade na que se ubicou a plataforma, na Unidade Técnica de Policía Xudicial da capital.

No proceso de deseño do sistema tomaron parte xunto con Juan Carlos Burguilo, o profesor Enrique Costa, experto en redes P2P, e a enxeñeira do proxecto, María José Bellas, que participou na fase de desenvolvemento e na posterior supervisión e seguimento do sistema na Unidade de Delitos Telemáticos de Madrid. Costa explicaba que a “mellora das prestacións fronte a outros sistemas” é ostensible, captando datos de todo o mundo e permitindo que o seu uso sexa extensible a outras redes P2P e á localización doutro tipo de contidos ilegais.

Froito da colaboración, a transferencia

Esta colaboración é unha boa mostra de transferencia do coñecemento que, como explicaba Luis Alfonso Álvarez Sestelo, xerente de Gradiant, “adoita estar orientada cara o sector empresarial, pero a utilidade práctica neste caso diríxese a outros eidos”, en beneficio de toda a sociedade.

O fructífero desta relación entre Universidade, Garda Civil e Gradiant abre as portas a posibles novas liñas de colaboración entre o grupo de investigación e os corpos e forzas de seguridade do Estado. Así, as tres entidades asinarán un convenio "para fortalecer a colaboración iniciada e dar un ámbito formal a desenvolvementos futuros en materia de seguridade e loita contra delitos en Internet. Polo momento, VICUS valeulles aos investigadores Juan Carlos Burguillo e María José Bellas, que foron galardoados coa cruz da orde do mérito con distintivo branco do instituto armado.

Grupo de investigación de referencia

O Grupo de Tecnoloxías da Información é un equipo de investigación punteiro da Universidade de Vigo e un dos que conta cun maior índice de transferencia tecnolóxica de toda Galicia, sendo o primeiro en todos os ámbitos do coñecemento da Universidade en 2009. Co respaldo que lles outorga o selo de grupo consolidado outorgado pola Xunta de Galicia, o GTI ten xerado neste tempo tres patentes nacionais, unha patente de Estados Unidos e unha extensión de patente europea e participa en varios proxectos con empresas no eido das telecomunicacións a nivel estatal.