DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FAO encarga á Universidade o deseño dun sistema para determinar as especies de escualo

Tecnoloxía que identifica a procedencia das aletas de quenlla para frear a súa pesca indiscriminada

O profesor Cástor Guisande e un grupo de estudantes desenvolverán o programa informático

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 17/09/2012

É un produto moi cotizado na cociña asiática que ademais do seu valor culinario serve para amosar riqueza e respecto aos invitados. Estas características fan das aletas de quenlla un artigo moi demandado nos mercados de Asia, o que nalgúns casos leva para abastecer a demanda a unha pesca indiscriminada que non diferenza especies en perigo de extinción das que poden ser explotadas comercialmente. Coa finalidade de frear o declive que nos últimos anos están a sufrir as poboacións de gran número de especies de escualo, facilitando o control de capturas, a Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, encargou á Universidade de Vigo o deseño dun sistema que permita identificar as especies de quenlla a partir das súas aletas. “Será un programa informático no que un menú indicará ao usuario que medidas debe tomar e logo realizar a identificación de xeito automático, aparecendo información adicional útil como fotos, mapas, etc…”, explica Cástor Guisande, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade, a quen a FAO encargou a elaboración do programa.

A implementación deste sistema podería evitar a adopción de medidas que as administracións están a estudar como prohibir que se corten as aletas a bordo dos barcos, de xeito que se seccionarían de xeito parcial, rematándose posteriormente en porto. “Isto pode encarecer moito os custos” sinala Guisande “complicando a operación ao ter que facelo en cámaras de frío nos portos para preservar a calidade do alimento. Con este sistema sería posible continuar realizando o corte a bordo, xa que posteriormente sería posible identificar en base ás aletas a que especie de quenlla pertencen”. O tempo de identificación da especie de quenlla da que procede a aleta con este sistema sería inferior a cinco minutos, ademais de que o seu deseño permite que o poida utilizar calquera persoa sen ningunha experiencia na taxonomía das quenllas.

Seguindo a estela do programa IPez

O programa informático que podería ter unha versión de proba funcionando en seis meses, ten o seu anteceden no sistema IPez, deseñado pola Universidade de Vigo a petición da FAO, e que permite a identificación de especies de peixes en base a súa morfoloxía. Desta volta a Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura propuxo ao profesor Guisande o desenvolvemento dun sistema experto para identificar aletas de escualo, empregando a mesma metodoloxía de IPez, para poder identificar as especies en base á morfoloxía das aletas. “No proxecto participan expertos de diferentes países e a Universidade de Vigo sería a encargada de deseñar o programa informático e os algoritmos que permitan esta identificación de especies”, explica Guisande.

Xunto ao profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, un grupo de estudantes participará no desenvolvemento do sistema que será utilizado principalmente polas administracións encargadas en cada país do control das especies capturadas nos portos. “Sen embargo, tamén se poderá usar a bordo dos barcos, facilitando o etiquetado das especies, para ser usadas por investigadores, con fins docentes, etc…”, explica Cástor Guisande.
O sistema financiarase con cargo ao proxecto CITES and commercially-exploited aquatic species including the evaluation of listing proposals.