DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colabora con AJE Galicia nos galardóns Xoven Emprendedor e Xoven Empresario

Tecnoloxía e saúde copan os premios Xoven Emprendedor e Ideas con Valor da Cátedra Bancaja

Aposta por axudar tanto ao emprendedor como ás empresas, que teñen unha taxa de mortandade do 80%

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 09/11/2011

Só o 8% dos universitarios españois considera crear unha empresa como unha saída laboral, fronte ao 70% que se da nos Estados Unidos. As estatísticas están na súa contra: a taxa de mortandade das empresas nos primeiros 5 anos de vida é do 80%. Por iso a Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores apoia de xeito activo calquera iniciativa que fomente o espírito emprendedor: por un lado concendendo os Premios Xoven Emprendedor e Ideas con Valor e, polo outro, colaborando con AJE Galicia na sexta convocatoria dos galardóns Xoven Emprendedor e Xoven Empresario. “Estamos decididos a traballar conxuntamente con outras institucións coas que compartamos os mesmos obxectivos, sobre todo no contexto de crise no que nos atopamos”, explicou a súa directora, Ana Gueimonde.

Recoñecemento social

A segunda edición do Premio Bancaja Xoves Emprendedores xa ten gañador: o proxecto Beta: Biomechanical Engineering & Technical Assistance, promovido por Bibiana María Rodiño. Debido á calidade das iniciativas presentadas, o xurado decidiu conceder ademais dous accésits, un aos irmáns Florentino e Plácido José Míguez por Vehículos eléctricos de uso profesional con valor engadido e outro a Rafael Sousa por unha Plataforma online de compra-venda de pezas de recambio.

Pola súa banda, o I Premio Ideas con Valor recaeu en José Iglesias Fernández polo proxecto IZYTAXI. “Ademais dun pequeno reporte económico, estes galardóns supoñen un recoñecemento social e proxección para toda esa xente que está a xerar ideas. É un xeito de poñelas en valor”, subliñou Gueimonde. A Cátedra Bancaja xa ten en marcha todas as actividades formativas que desenvolverá ao longo do curso 2011-2012, como un curso sobre autoemprego en contornas cooperativas e colaborativas ou un sobre competencias horizontais.

Estreita colaboración con AJE

Nese intento por fomentar o emprendemento e asegurar a supervivencia das empresas xa constituidas, a Cátedra Bancaja patrocina o sexto Premio Xoven Empresario e Xoven Emprendedor do Ano que organiza AJE Galicia e colaborará facilitando o acceso de todos os candidatos ás actividades de formación que realice. “Foi a partir do inicio da crise en 2009 cando a palabra emprendemento pasou a formar parte do vocabulario popular. AJE traballaba xa polo desenvolvemento económico e social de Galicia cando emprender aínda era unha palabra estraña, por iso queremos apoialos”, recordou a directora da Cátedra Bancaja. Con estes premios trátase de recoñecer a labor dos que “en tempos de crise seguen apostando polo país e se esforzan cada día para crear riqueza e emprego. Queremos que demostren o valor das boas ideas que se desenvolven na nosa comunidade e que se convertan en motores de inspiración para a promoción de novos proxectos”, asegurou Patricia García, presidenta de AJE Galicia.

Xunto cos premios a empresas que xa levan polo menos dous anos en marcha, este ano crearase unha categoría para todos aqueles proxectos que están aínda en fase de implantación e catro accésits (Responsabilidade social empresarial, Calidade, Innovación e Fomento do emprego). Os interesados poderán consultar as bases do concurso na web de AJE e presentar as súas iniciativas ata o vindeiro 25 de novembro ás 14.00 horas na sede de Vigo (Manuel Núñez, 4). Os premios, que estarán dotados cunha tarxeta regalo de El Corte Inglés ou un máster, entregaranse o 2 de decembro na delegación da Xunta en Vigo. “As ilusións pódense traducir en realidades empresariais, pero debemos apoiar o talento, a iniciativa e o esforzo dos emprendedores”, recalcou a delegada Lucía Molares.

Cun índice de éxito do 90% no seu Centro de Iniciativas Empresariais A Granxa, Zona Franca quere apoiar tamén esta convocatoria para “darlle á volta á taxa de mortandade empresarial e conseguir que as empresas saian adiante”, asegurou Rosa Eguizábal, directora de Solo Industrial do organismo, que abrirá o seu segundo viveiro de empresas no Porto do Molle de Nigrán.