DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores de AtlantTIC desenvolven un sensor con múltiples aplicacións avanzadas

Tecnoloxía viguesa na Antártida

O dispositivo suscitou xa o interese de países como Portugal, Italia e Corea

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/11/2012
AtlantTIC, o centro de investigación das telecomunicacións da Universidade de Vigo, pisará por segunda vez a Antártida grazas ao desenvolvemento dun sensor hiperespectral de pequeno tamaño e con múltiples aplicacións avanzadas, entre elas, a capacidade de determinar para un punto de terreo concreto as súas características exactas. Tras os primeiros traballos realizados no continente xeado en xaneiro de 2012 ao abeiro do programa polar portugués, e en vésperas de volver a participar nunha nova campaña, o dispositivo suscitou xa o interese de países como Portugal, Italia e Corea.

Convidados pola comunidade científica portuguesa “puxémonos mans a obra e fixemos un sensor lixeiro con apenas 30 centímetros de longo e 40 de diámetro capaz de voar en ultralixeiros”, subliñou o enxeñeiro Julio Martín, un dos investigadores do proxecto, que explicou que o sensor desenvolto por AtlantTIC é “unha especie de cámara de fotos, só que en vez de ter os tres canais típicos –RGB, red, green, blue- ou unha ducia de canais como os sensores multiespectrais vai un paso máis alá e consegue centenares de bandas”. É o que se coñece co nome técnico de sinatura espectral de reflectancia de cada punto na imaxe ou, explicado de xeito máis sinxelo, “é como si ti cando fas unha foto, cada píxel, en vez de ter estes tres cores, ten unha gráfica que representa a reflectividade desa parcela de terreo ao longo do espectro”.

A diferencia dos sensores hiperespectrais comerciais, unha das principais vantaxes da tecnoloxía desenvolta polos investigadores de AtlantTIC é o seu pequeno tamaño e o feito de poder ser operado dende aeronaves moi pequenas. “Os anteriores sistemas teñen o tamaño dunha neveira e precisan bimotores especialmente equipados para voalos, algo fóra das posibilidades económicas de moitas empresas interesadas en empregar este tipo de dispositivo”, subliña o investigador.

Os traballos centráronse nas illas de Shetlands do sur

A chegada deste sensor galego á Antártida produciuse ao abeiro do proxecto Propolar, o programa polar portugués grazas ao cal a principios de ano se levou a cabo unha campaña internacional sen precedentes no continente xeado. Por primeira vez e como agradecemento aos países que durante anos lles ofreceron apoio loxístico, xa que o país luso non conta alí con bases fixas, Portugal convidou a un destacado número de expertos internacionais a unirse á campaña, entre eles o investigador da Universidade Julio Martín.

A colaboración viguesa realizouse no marco do proxecto Snowchange, un dos sete proxectos que Propolar levou a cabo na pasada campaña antártica e, en palabras do seu responsable, o investigador Gonçalo Vieira, ten como obxectivo o estudo do solo “permanentemente xeado (permafrost) e o modo en como este reacciona ás alteracións climáticas”. Os traballos centráronse na rexión da península Antártica, en especial, as illas Shetlands do Sur, onde as condicións meteorolóxicas son moi extremas, o que dificultou as tarefas.

As radiometrías obtidas co sensor vigués fixéronse públicas hai un par de meses e os responsables de Propolar volveron a amosar o seu interese en contar con AtlantTIC para un novo intento, esta vez con infraestrutura do programa polar coreano (KOPRI).

Os coreanos amosáronse moi interesados en realizar voos sobre a península Antártica. A calidade dos datos tamén espertou o interese do programa polar italiano, para voar o sensor en Victoria Land (Antártida Oriental). “Intentar cadrar as escasas oportunidades de vóo coa meteoroloxía axeitada e coa dispoñiblidade de aeronaves preséntase como o principal obstáculo", subliña o investigador.

Aplicacións no estudo de viñedos e mapeo de especies invasoras

Na nova campaña 2012-2013 ao enxeñeiro de telecomunicación de AtlantTIC unirase unha ecóloga da Escola de Enxeñaría Forestal, especialista en radiometría de campo. “Lanzamos a iniciativa para empezar a traballar no desenvolvemento do novo sensor de AtlantTIC e Propolar encargarase de organizar toda a operativa para as probas, xa que ten que ser adecuado para ambientes polares, tanto o Ártico como a Antártida”, subliñou Nuria González, directora de AtlantTIC, que explicou que outros centros, entre eles a Universidade de Burdeos, amosaron xa o seu interese por esta tecnoloxía “neste caso para un vehículo autónomo terrestre movido exclusivamente por enerxía solar”.

Ao respecto da colaboración con Burdeos, o investigador explica que se trata da aplicación do sensor para o estudo dos solos con viñedo. “Non só é capaz de observar a cor, senón como se produce unha curva con centenares de valores que varían segundo que especies e podes saber que especies precisan ser aboadas ou cales están afectadas por un fungo e os lugares exactos nos que se precisa aplicar pesticidas”, engade.

A cámara hiperespectral foi tamén empregada para mapear especies invasoras en parques nacionais, concretamente nas illas Baleares e nas illas Cíes, observando, entre outras, a uña de gato ou Carprobrotus, unha pranta invasora moi agresiva.