DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A rede de excelencia Meta-Net, da que forma parte a Universidade, elaborou unha axenda estratéxica

As tecnoloxías da linguaxe poden converter a diversidade lingüística de Europa nunha vantaxe competitiva

Os expertos recomendan desenvolver ferramentas de tradución automática de alta calidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/01/2013

Preto de 80 linguas, algunhas delas en situación precaria, e un continente en proceso de integración comercial, social e de negocios. Compaxinar estas dúas realidades pode ser unha tarefa titánica se non se conta con ferramentas tecnolóxicas para superar as barreiras de comunicación. Pero con recursos como os software de tradución automática, a diversidade lingüística e cultural do continente pódese converter nunha vantaxe competitiva, unindo os esforzos de enxeñeiros e tradutores arredor de empresas e proxectos de tecnoloxías multilingües. Con esta finalidade traballa a rede de excelencia Meta-Net, constituída por 60 centros de investigación de 34 países, entre eles o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo. Tras máis de dous anos de traballo veñen de presentar as bases dun programa de investigación panaeuropeo para o deseño destas ferramentas e servizos de tecnoloxías lingüísticas, a Axenda Estratéxica de Investigación (SRA).

Tras elaborar 31 libros brancos coa diagnose doutras tantas linguas do continente, este novo documento describe como o investimento en tecnoloxías da linguaxe pode xerar considerables beneficios económicos. Deste xeito, as barreiras lingüísticas tornarían en vantaxes competitivas, desenvolvendo estas tecnoloxías, deseñando programas e dispositivos axeitados para cada idioma e creando un gran mercado, que na actualidade conta xa con centos de pequenas e medianas empresas con tecnoloxías especializadas multilingües. Esta é a conclusión dos preto de 200 expertos que elaboraron “a folla de ruta coas recomendacións sobre a planificación do I+D+i no eido das tecnoloxías lingüísticas de cara ao horizonte da Estratexia 20-20”, explica a catedrática Carmen García Mateo, coordinadora do grupo vigués que se encarga da parte relacionada co galego.

Segundo o profesor Hans Uszkoreit, coordinador de Meta-Net e director científico do DFKI (Centro Alemán de Investigación en Intelixencia Artificial), "Europa necesita urxentemente un software de tradución automática de alta calidade para todas as linguas europeas e as principais linguas non europeas coa finalidade última de superar as barreiras do idioma. Estas barreiras prexudican o obxectivo da UE a longo prazo de establecer un mercado único dixital, xa que obstaculizan o libre fluxo de coñecemento, información, bens, produtos e servizos".
Este documento foi presentado aos representantes da Comisión Europea, a investigación, a industria e a tecnoloxía nun simposio celebrado o pasado venres, o 25 de xaneiro, en Berlín.

Tecnoloxías para frear a extinción dixital das linguas

A diagnose previa determinaba que 21 dos 31 idiomas analizados estaban en risco de extinción dixital, incluíndo o galego. Isto significa que carecen das tecnoloxías da información para poder sobrevivir nun mundo dixital, xa que só unha pequena fracción da información valiosa está dispoñible en todas as linguas europeas, convertendo as fronteiras lingüísticas en fronteiras comunicativas e económicas. Georg Rehm, co-editor do documento e xestor da Rede de Meta-Net exemplifica esta situación en relación ao accidente de Fukushima en marzo do 2011. “Toda Europa debateu os proles e as contras da enerxía nuclear, pero só dentro dos límites de comunidades lingüísticas específicas: nunca houbo un debate a nivel europeo! As tecnoloxías que promovemos permitirán en Europa levar a cabo estes debates cruzando fronteiras lingüísticas e chegar a un novo nivel de identidade europea entre os cidadáns."

Tres áreas preferentes de actuación ás portas dunha revolución

Os expertos da rede Meta-Net falan dunha revolución das tecnoloxías da información e subliñan a vantaxe de poder posicionarse neste momento de cambios, no que irán gañando unha presenza significativa a linguaxe humana, o coñecemento e a emoción. Neste sentido, destacan que o sistema Siri de Apple e a busca de Google por voz son só os primeiros pasos. A linguaxe humana converterase no medio preferido para a comunicación entre as persoas e a tecnoloxía, sosteñen dende a rede, “eliminar a barreira de comunicación entre as persoas e a tecnoloxía cambiará o noso mundo”.

Coa vista posta no Horizonte 20-20, a Axenda Estratéxica de Investigación recomenda que os esforzos en investigación académica e desenvolvemento industrial se centren en tres temas prioritarios. Por unha banda, a Nube Translingüística (Translingual Cloud), que terá que proporcionar servizos de tradución xenéricos e especializados a todos os cidadáns, empresas e organizacións europeos. Estes servizos abranguerán tecnoloxías de tradución automática de alta calidade, precisas e fiables para a linguaxe falada e escrita, e implicarán tradutores e intérpretes nas tarefas que as máquinas, por si soa, non poden tratar. Por outra banda suxiren traballar en intelixencia social e e-participación, é dicir, no desenvolvemento de recursos e ferramentas para dar apoio á comprensión e o diálogo entre comunidades de cidadáns, clientes e consumidores, permitindo a participación electrónica e establecendo procesos máis eficaces para a preparación, a selección e a avaliación de decisións colectivas. Finalmente, a terceira área prioritaria confórmana os asistentes interactivos con capacidades sociais. Este campo a investigación concéntrase no desenvolvemento de asistentes dixitais omnipresentes capaces de aprender e adaptarse para ofrecer un apoio proactivo e interactivo segundo situacións concretas, lugares e obxectivos do usuario a través da interacción por medio de linguaxe falada.

Meta-Net tamén avoga polo deseño e desenvolvemento dunha plataforma europea de servizos de tecnoloxías da lingua que poida ofrecer tecnoloxías da lingua aos usuarios e clientes.