DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado na investigación básica, terá un papel complementario a Gradiant

Telecomunicación une os esforzos de 150 investigadores na posta en marcha de AtlantTIC

Permitirá a escola aumentar a súa participación en grandes proxectos nacionais e europeos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/10/2010
Unir esforzos para acadar cada vez mellores resultados. Con esta máxima a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación inicia este curso coa posta en marcha de AtlantTIC, Atlantic Reserarch Center on Information and Communication Technologies, un centro de investigación orientado á creación de coñecemento en tecnoloxías da información e as comunicacións no que unen os seus esforzos arredor de 150 profesionais da escola que están a realizar investigación en TIC. Ao fronte do proxecto está a profesora Nuria González Prelcic, ela é a encargada de liderar o que define como “unha estrutura investigadora potente e eficiente, de tamaño manexable e capaz de abordar proxectos de investigación cooperativos”.

O novo centro permitirá agora definir e abordar proxectos máis complexos e multidisciplinares. Avalado pola intensa traxectoria dos diferentes grupos de investigación que o integran, AtlantTIC vai concentrar as súas actividades na investigación básica, con resultados a medio e longo prazo e na formación de investigadores. O seu papel será pois complementario ao de Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, nacido tamén ao abeiro dos investigadores da escola – onde ten a súa sede provisional, se ben, en breve se trasladará a Citexvi, a Cidade Tecnolóxico de Vigo- que ten como misión acompañar á industria galega nos seus retos de I+D. AtlantTic contribúe así a incrementar o ecosistema TIC que se está a xerar en Galicia e que conta xa cunha plataforma tecnolóxica, un clúster, un centro tecnolóxico e, agora, un centro de investigación de referencia.

O feito de que os grupos compartan determinados recursos e servizos permitirá optimizar a eficiencia e minimizar os custos operativos. Un exemplo claro é o de poder compartir o persoal dedicado tanto a tarefas administrativas como aqueles dedicados ao mantemento dos equipos de laboratorio, pero non é o único, o feito de contar cunha responsable que coordine o traballo de todos os grupos é tamén un símbolo da aposta pola eficiencia. A estas avantaxes engadirase un aspecto que dende a agrupación sinalan como, “fundamental”, a creación dunha imaxe de marca común e forte que permita definir e desenvolver unha estratexia que propiciará a participación nos consorcios nacionais e europeos que acometen os "grandes proxectos", como os Cénit.

AtlantTIC en cifras

AtlantTIC ven avalado por un antecedente de “rotundo éxito”, sinala González Prelcic, en relación á agrupación ACETIC, unha das oito unidades de investigación competitiva de Galicia formada por 11 grupos de investigación da área TIC da Universidade, en total preto de 150 investigadores (65 profesores doutores, 10 investigadores posdoutorais, 7 profesores non doutores, 59 investigadores en formación e 7 técnicos de apoio).

Estes 11 grupos cobren a práctica totalidade das áreas de investigación que poden incluírse no campo das telecomunicacións: telemática, procesado de sinal en telecomunicación e multimedia e os sistemas radio, incluíndo case todas as posibles liñas de traballo dentro de cada área. “Todos presentan traxectorias, modos de operación e liñas de investigación afíns e teñen colaborado en numerosas ocasións de forma bilateral con distintas combinacións e en variados proxectos”, explica González Prelcic.

Os bos resultados acadados polos investigadores de AtlantTic veñen avalados en cifras: nos últimos cinco anos conseguiu un incremento superior ao 100% nos ingresos de proxectos conseguidos en convocatorias competitivas, así como un aumento dun 55% no número de publicacións en revistas do SCI. “Os ingresos por contratos dos grupos de investigación de AtlantTic supoñen ano a ano algo menos da terceira parte dos ingresos totais que recibe a Universidade por contratos con empresas”, sinala a directora da agrupación, ao tempo que explica que no 2009 houbo unha caída na contía captada debida probablemente á recesión económica global “á que non son alleas as empresas do sector das telecomunicacións”, subliña.