DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A multinacional presentou no campus o seu programa de bolsas Talentum

Telefónica abre as súas portas aos enxeñeiros vigueses

Ofrece 500 prazas para estadías de 12 meses na empresa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/05/2012

Cando o índice de paro xuvenil rolda en España o 50%, programas de bolsas como Talentum de Telefónica supoñen unha inxección de optimismo para os estudantes universitarios dos últimos cursos. A multinacional española ofrece aos mozos e mozas unha vía para introducirse na empresa pero cunhas altas expectativas de continuidade na mesma, que rolda o 95%. Así o explicaron os representantes de Telefónica no acto de presentación que tivo lugar este venres no campus de Vigo ante un elevado número de estudantes.

O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, destacou que programas coma este son especialmente importantes “nos momentos críticos que estamos a vivir”. García Vázquez subliñou que esta oportunidade pre-profesional “ten unha duración inusual, 12 meses” e explicou que Talentum entronca cunha das liñas estratéxicas da Universidade, “o esforzo de cara á inserción laboral dos nosos alumnos e alumnas e a aposta polo emprendemento, sendo xa a sexta universidade nacional en creación de spin-offs”.

Javier Zorrilla, director do Territorio Norte de Teléfonica España, achegou ao preto dun cento de asistentes a evolución da compañía nos últimos anos ata converterse no primeiro operador internacional integrado en número de clientes, presente en 25 países, e a a quinta empresa do mundo en número de ingresos. As cifras de 300.000 empregados e 300 millóns de clientes son unha mostra da entidade que acadou Telefónica nas últimas décadas. Zorrila destacou que a convocatoria deste tipo de bolsas é unha mostra do compromiso da compañía coa “captación de talento para seguir innovando e crecendo na era dunha revolución dixital que as novas xeracións están chamadas comandar”. Como indicou, os operadores de telecomunicacións están en medio desta revolución e constante cambio que os obriga a innovar en contidos, dispositivos, aplicacións e sistemas operativos. De feito a entidade investiu en 2011, 5000 millóns de euros en I+D, 1600 deles en España.

Na procura do talento

Precisamente para dirixir e acometer todas as innovacións en tempos case vertixinosos, Telefónica precisa de novos talentos, dos egresados mellor preparados, para o que lles ofrece un programa de bolsas de larga duración que constitúe unha oportunidade para a aproximación de mozos e mozas titulados ao mercado laboral. Ao longo de 12 meses ofrécelles unha formación práctica, achegada á realidade empresarial cun total de 500 bolsas para 2012 e, ao finalizar o período da estadía en función do desenvolvemento e aprendizaxe durante o programa, Telefónica poderalles ofrecer a oportunidade de incorporación á empresa, un índice de continuidade que en edicións anteriores do programa acadou o 95%.

A convocatoria está dirixida a titulados universitarios menores de 30 anos con formación no eido da tecnoloxía da información, especialmente nas enxeñarías de Telecomunicación, Industrial e Informática. Adicionalmente, tamén se buscan perfís con visión comercial, orientación ao cliente e coñecemento do mundo da empresa de titulacións como Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Investigación e Técnicas de Mercado ou Comunicación Audiovisual.

Paralelamente, Telefónica convoca tamén Talentum Startups, un programa para que estudantes de primeiros anos de carreira que queiran mellorar a sociedade a través da tecnoloxía, poidan desenvolver as súas ideas de innovación social co apoio de Telefónica a través dunha bolsa na academia Wayra.