DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 1 de decembro remata o prazo para presentarse ao I Premio INCUVI-Emprende

Telefónica achega o seu gran de area á incubadora de empresas da Universidade de Vigo

Sorteará seis Samsung Galaxy Tab de 10 polgadas valoradas en 500 euros entre os primeiros emprendedo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/11/2011
Noemí Rey | Vigo
Emprender: empezar a facer con decisión unha cousa que pode presentar certa dificultades, segundo recolle o dicionario da Real Academia Galega. Por iso, porque non é unha decisión doada de tomar nin de levar á práctica, a incubadora INCUVI da Universidade de Vigo segue á procura de patrocinadores que lle faciliten á labor aos aventureiros que acudan a este espazo para poñer en marcha novas ideas empresariais que nazan do traballo do estudantado e dos novos titulados. E Telefónica tamén quere pór o seu grao de area no proxecto: a compañía sorteará seis Samsung Galaxy Tab de 10 polgadas valoradas nuns 500 euros entre os seis emprendedores que estreen a incubadora. “O obxectivo é, dentro das nosas posibilidades, ofrecer oportunidades á xente e estar ao lado de organizacións como a Universidade, que ten a tarefa loable de formar aos profesionais do futuro”, sinalou Francisco Javier Rodríguez, director autonómico de Telefónica en Galicia e antigo alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Con esta colaboración a empresa súmase a outras entidades como Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën, Aje Galicia, Asime ou o Consorcio da Zona Franca de Vigo. “Para Telefónica é unha oportunidade colaborar coa Universidade para dar ao alumnado que remata a súa carreira unha primeira oportunidade laboral con todas as facilidades que estean na nosa man”, subliñou Rodríguez. INCUVI nace coa intención de ser un espazo protexido, con asesoramento e toda a axuda precisa para que as ideas máis innovadoras poidan dar os seus primeiros pasos durante un ano.

Solicitudes ata o 1 de decembro

En xaneiro chegarán os primeiros inquilinos, os gañadores do I Premio INCUVI-Emprende, un certame ideado para filtrar todas as propostas de innovación xeradas no seo da Universidade e seleccionar aquelas con maior potencial. O obxecto desta edición é premiar a elaboración dunha idea de negocio creativa que poderá basearse en calquera das ramas do coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo. Os interesados en participar teñen ata o 1 de decembro para presentar toda a documentación no Rexistro Xeral dirixida á Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento e enviar unha copia electrónica da idea empresarial por correo electrónico a transferencia@uvigo.es

Mirando cara o tecido empresarial

As iniciativas elixidas para formar parte da primeira xeración da incubadora universitaria contarán cunha oficina de 15 metros cadrados, equipada con mobiliario e acceso a internet, onde poder desenvolver a súa idea sen ter que facer fronte a máis gastos. Co sorteo das ‘tablets’, Telefónica pretende facilitar máis medios tecnolóxicos aos participantes. “A Universidade ten que tratar de buscar a maior relación posible con empresas externas e estar abertos a calquera tipo de colaboración se queremos que os coñecementos que se xeran aquí, sobre todo en materia de investigación básica, poidan aplicarse á sociedade e ao tecido empresarial para crear emprego e xerar emprendemento”, recalcou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, “e nese sentido para a Universidade de Vigo manter esta boa relación cunha empresa do tamaño, calidade e prestixio de Telefónica é imprescindible”.